A Xunta impulsa a mellora de espazos para o deporte e o lecer en Muros cunha achega de 28.000 €

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou a localidade para coñecer as accións realizadas o pasado ano ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 M€

A colaboración do Goberno galego permitiu a creación de novas áreas biosaudables e dun parque infantil, entre outras actuacións

A iniciativa enmárcase nas liñas de apoio ás administracións locais, a través das que Muros recibiu nos últimos anos máis de 1,6 M€

Muros (A Coruña), 9 de marzo de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, o concello de Muros para coñecer as novas áreas biosaudables e infantil creadas co apoio da Xunta. Ao abeiro da Orde para a creación ou mellora de infraestruturas vinculadas á prestación de servizos municipais o Goberno galego investiu 28.000 euros para impulsar novas instalacións a prol do lecer e da práctica do exercicio físico.

 

Así, o vicepresidente segundo desprazouse ao espazo público situado na rúa do Cabo, no que se instalaron elementos biosaudables e bancos para o descanso, e ao parque infantil creado na praia de Castelo, con novos elementos de xogo de temática mariña, como unha torre con forma de barco, unha randeeira cesta e balancíns con forma de peixes.

 

Segundo sinalou Diego Calvo, as melloras visitadas forman parte dun amplo proxecto deseñado polo Concello para atender as necesidades de lecer da veciñanza, e de xeito especial, da cativada e das persoas de máis idade. Deste xeito, no marco desta iniciativa creouse tamén unha área biosaudable no parque do Chalón, punto de encontro habitual para persoas maiores, e instaláronse mesas de ping-pong na alameda de Esteiro e no parque Castelao.

 

O apoio da Xunta a estas actuacións forma parte da liña de axudas impulsada polo Goberno galego para facilitarlles ás administracións locais a dotación de infraestruturas e a prestación de servizos nas mellores condicións, dotada con 3,5 M€. A maiores, os concellos dispoñen do Fondo de Compensación Ambiental, cun orzamento superior aos 11 M€ para desenvolver accións a prol da contorna natural.

 

Ao abeiro das medidas dirixidas especificamente aos municipios, Muros recibiu nos últimos anos máis de 1,6M€, que permitiron xa nos últimos anos realizar melloras en parques infantís e zonas deportivas ou na rede de saneamento, así como a adquisición de equipamento para o coidado do medio ambiente.

 

O vicepresidente segundo incidiu na importancia destas liñas de axudas no marco do compromiso do Goberno galego cos concellos, como administracións máis próximas á cidadanía na prestación de servizos básicos, e co reequilibrio territorial, ao facilitar uns servizos de calidade a todos os galegos e galegas con independencia do seu lugar de residencia.

 

Para Diego Calvo, accións como as realizadas en Muros dan mostra do amplo abano de posibilidades de apoio que lles ofrece o conxunto do Goberno galego ás administracións locais a través das distintas liñas de axuda e que supoñen neste exercicio unha contía superior aos 564 millóns de euros, un 15 % máis ca en 2022. A cifra inclúe o Fondo de Cooperación Local, que ascende en 2023 a 143,4 millóns de euros, 17,4 millóns máis que o ano pasado. Neste marco de acción, o concello de Muros recibiu en 2022 máis de 388.000 euros do Fondo Base de Cooperación Local.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/03/2023