A Xunta incrementa nun 6 % as contías das pensións non contributivas para 37.000 galegos e adianta o seu pagamento en seis meses

Apróbase un complemento para os beneficiarios de pensións de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, para as persoas anciáns e enfermas con incapacidade e para aquelas con discapacidade que perciben o subsidio de garantía de ingresos mínimos

Trátase dun pagamento único anual de 218 euros que se aboará nos primeiros días do mes de abril para axudar a paliar os efectos da suba de prezos

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2023

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, salientou hoxe a aprobación no Consello da Xunta do incremento nun 6 % do complemento autonómico para ao redor de 37.000 persoas que perciben unha pensión non contributiva na nosa Comunidade. 

Deste xeito, adiantou que o Goberno galego achegará 218 euros nun pagamento único e adiantará o seu ingreso seis meses, para facelo xa no mes de abril. “Galicia foi pioneira neste complemento”, lembrou o mandatario galego, quen puxo en valor que a Xunta non só a manteña na actualidade, senón que incremente a súa contía fronte a outras comunidades que non dispoñen deste complemento.
 
Rueda salientou que a Administración autonómica destina máis de 8 millóns de euros neste complemento para aumentar a súa contía e puxo en valor que se procura así axeitalo ao custo da vida e á suba xeral dos prezos. Tamén destacou o feito de que ingreso desta axuda realizarase de oficio a todos os beneficiarios que cumpran cos requisitos, “sen necesidade de solicitala nin levar a cabo ningún trámite”.
 
O complemento está dirixido a pensionistas de xubilación e invalidez nas súas modalidades non contributivas, persoas anciáns e enfermas con incapacidade para o traballo beneficiarias de axudas periódicas e persoas con discapacidade que reciben o subsidio de garantía de ingresos mínimos.  

Ininterrompida

Rueda incidiu en que Galicia é unha das poucas comunidades que concede de xeito ininterrompido durante os últimos anos esta axuda extraordinaria que non é obrigatoria, pois son os propios Executivos autonómicos as que deciden mantela.

Neste senso, a Xunta incrementou este ano o orzamento dirixido á inclusión social nun 25 %. Deste xeito, o presidente do Goberno galego remarcou que, ademais de aumentar o complemento autonómico das pensións non contributivas, a Xunta tamén subiu as contías da Risga, o das axudas de inclusión social (AIS) e o do bono social térmico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/03/2023