A Xunta informa da constitución do Consello regulador da denominación de orixe Rías Baixas

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria presidiu hoxe a constitución do novo pleno deste consello regulador, así como a elección da presidencia e da vicepresidencia


Pola tarde constituiranse o das indicacións xeográficas protexidas Carnes de Vacún de Galicia

 

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu hoxe a constitución do novo pleno do consello regulador da denominación de orixe (DO) Rías Baixas, no marco das renovacións dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario, segundo o establecido na orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado no 10 de novembro.

 

Así, este novo pleno quedou conformado por 22 vogalías, das cales 5 corresponden á Asociación Agraria de Galicia; 1 pertence a Unións Agrarias; 2 son do Sindicato Labrego Galego; 2 da Agrupación Profesional de Viticultores Rías Baixas; 1 da Asociación de Adegas Salnés; 7 corresponden á Asociación de Empresarios Bodegueros e Viticultores Rías Baixas e, por último, 4 para a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias.  

 

Tras a toma de posesión, os vogais aprobaron que a presidencia do consello regulador a asuma Isidoro Serantes Serantes, novo no cargo; mentres que a vicepresidencia será asumida por Juan Carlos Vázquez Abal, de Carballal Vázquez Abal SL, tamén novo no cargo.

 

Cabe lembrar que nas pasadas eleccións só votaron determinados censos dos consellos reguladores das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas de Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Tamén, no da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia e no das IXP das Carnes de Vacún de Galicia. O resto de censos tiñan candidatura única ou chegaron a un acordo. Pola tarde constituiranse o das indicacións xeográficas protexidas Carnes de Vacún de Galicia

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/03/2023