Lorenzana reivindica que Galicia está a actuar “en tempo e prazo” coa apertura dos centros de crise 24x7 para atender a vítimas da violencia sexual

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, interveu ante o pleno do Parlamento de Galicia para valorar os efectos da ‘Lei do si é si’

Dixo que a protección ás vítimas non pode xerar debates nin desencontros no seo dun Goberno de Estado”

Avanzou que Galicia está a ser pioneira entre as comunidades pola posta en marcha de 4 primeiros centros de crise contra a violencia sexual nas áreas sanitarias de Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela e Vigo

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2023

Galicia está comprometida coa erradicación da violencia sexual e coa protección das mulleres e nenas afectadas por esta, polo que habilitará espazos de atención integral ás 24 horas ás vítimas nas áreas sanitarias de Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela e Vigo, coa idea de estendelos ás tres restantes nos próximos meses. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para valorar os efectos da denominada Lei do si é si onde referendou que a Xunta de Galicia está a actuar “en tempo e forma” para abrir estes puntos e esta a ser unha das primeiras comunidades en facelo.

As consellerías de Igualdade e de Sanidade asinaron xa un acordo de colaboración para a habilitación dos espazos destinados aos centros 24 horas de atención integral ás vítimas de violencia sexual durante as 24 horas dos 365 días do ano. Co mesmo, Igualdade transfire 2 M€ a Sanidade para a apertura destes centros , sete, que comezarán polas áreas sanitarias de Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela e Vigo.

“Estamos a actuar en tempo e forma”, dixo Lorenzana. O prazo concedido polo Ministerio comprende este ano 2023 e “ningunha comunidade autónoma ten ata o de agora abertos os centros”, manifestou en respostas ás críticas lanzadas pola secretaria de Estado de Igualdade, Ángela Rodríguez Pam, nunha recente visita á Coruña, quen recriminou publicamente que a comunidade non tivera inda aberto ningún destes puntos.

Lorenzana lembrou que desde hai anos o seu departamento colabora coa Fundación Meniños para atender ás mulleres vítimas de violencia sexual e as súas familias. A través do da intervención con mulleres vítimas de abuso e violencia sexual, un total de 337 persoas accederon entre 2019 e 2022 ao programa Liana, unha experiencia única á que a Xunta destinou máis de 216.000. En 2022 estreouse o proxecto Recorpórate, especificou, baseado na intervención psicolóxica coas vítimas e no adestramento físico de forza para reducir a sintomatoloxía traumática no que xa tomaron parte quince mulleres.

En relación coa denominada Lei do si é si, Lorenzana lembrou ante o pleno da Cámara que desde o 7 de outubro, data na que entrou en vigor, revisáronse en Galicia  un centenar de resolucións xudiciais por delitos sexuais, que se materializaron en rebaixas de condena para medio cento de delincuentes.

A conselleira considerou “indecente” que a ministra de Igualdade, Irene Montero, considere a cifra de rebaixas de penas como minoritarias, e referiuse a esta norma como “a  peor lei que ten saído dun Goberno desde que hai democracia”. Lamentou que ante un erro de esa magnitude, os socios do Goberno do Estado non teñan sido capaces de modificala sen facer máis dano e con acordo.

Para a representante autonómica, a protección das vítimas “non é discutible” e “non pode xerar debates, e moito menos desencontros, no seo dun Goberno de Estado”. “A loita contra a violencia de xénero debe estar por enriba de postulados políticos e ideolóxicos, se non se enfronta con unidade, dificilmente se conseguirán avances”, aseverou.   

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/03/2023