A Xunta informa en Arbo das medidas fronte á Flavescencia Dourada da vide

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, desprazouse á localidade pontevedresa para un encontro informativo con viticultores e outros interesados

Arbo (Pontevedra), 8 de marzo de 2023

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse hoxe con viticultores e outros interesados da zona de Arbo para informalos das medidas de apoio que adopta a Xunta para facer fronte á Flavescencia Dourada da vide.

 

Esta praga está provocada polo organismo Grapevine flavescence dorée phytoplasma e transmítese a través dun insecto vector, o Scaphoideus titanus. Detectouse por primeira vez a súa presenza en Portugal, polo que se estableceu unha zona demarcada de 2,5 quilométros con respecto á fronteira para adoptar as medidas necesarias. En Galicia, atopouse este tipo de organismos en plantas illadas dos concellos de Arbo, Crecente e As Neves. Todos eles forman parte desta zona demarcada, que se estende tamén a parcelas da Cañiza, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Tui e Tomiño.

 

Na reunión, o director xeral lembroulle aos viticultores que dentro da zona demarcada os titulares das parcelas nas que se detecte a presenza de plantas infestadas ou insectos vectores das enfermidades deberán aplicar o antes posible un tratamento insecticida autorizado a todas as plantas. As plantas infestadas deberán ser arrincadas e destruídas baixo control oficial o antes posible. O máis recomendable é que esta destrución se realice in situ. Se non é posible, deberá realizarse nun rodal próximo, por incineración ou por algún outro método autorizado.

 

Ademais, no caso de que a parcela afectada teña máis dun 20% de plantas sintomáticas, deberán arrincarse e destruírse todas as plantas da parcela no caso de que as plantas afectadas non estean agrupadas. Acontece o mesmo no caso de zonas abandonadas.

 

No relativo aos viveiros e outros operadores profesionais dentro das zonas infestadas, terán que inmobilizar de xeito cautelar o material de vide (Vitis spp.) ata a súa inspección oficial. A maiores, deberán aplicar un tratamento insecticida autorizado e destruír todos os lotes infectados seguindo un procedemento específico. No caso de ter plantas ou lotes sospeitosos de portar a enfermidade pero que non detecten síntomas tamén deberán ser eliminadas.

 

Así mesmo, tamén cómpre arrincar e destruír todas as plantacións abandonadas das zonas demarcadas, así como eliminar as plantas silvestres do xénero Vitis spp. e aquelas que poidan ser portadoras da enfermidade, entre outras medidas preventivas.

Data de actualización: 08/03/2023