A Xunta confirma a constitución do consello regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria presidiu hoxe a constitución do novo pleno deste consello regulador, así como a elección da presidencia e da vicepresidencia

Esta tarde tamén se constituirá o consello regulador da denominación de orixe Monterrei

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu hoxe a constitución do novo pleno do consello regulador da indicación xeográfica protexida (IXP) Pataca de Galicia, no marco das renovacións dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario, segundo o establecido na orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado no 10 de novembro.

 

Así, este novo pleno quedou conformado por 10 vogalías; 5 para a Candidatura Independente de Envasadores de Patacas de Galica; 2 para Unións Agrarias; 3 repartidas entre a Asociación Agraria de Galicia, o Sindicato Labrego Galego e a Federación Rural Galega.

 

Tras a toma de posesión, os vogais aprobaron que a presidencia do consello regulador a asuma José Manuel Gómez Gómez. No tocante á vicepresidencia do sector produtor, será asumida por Amador Díaz Penín; mentres que a vicepresidencia do sector industrial será asumida por Diego Conde Ucha, de Patatas Conde SL.

 

Cabe lembrar que nas pasadas eleccións só votaron determinados censos dos consellos reguladores das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas de Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Tamén, no da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia e no das IXP das Carnes de Vacún de Galicia. O resto de censos tiñan candidatura única ou chegaron a un acordo.

 

Ao longo do día quedará constituído tamén o novo consello regulador da DO Monterrei. O resto da semana constituiranse tamén os consellos reguladores das IXPs Carnes de Vacún de Galicia, así como as denominacións de orixe Rías Baixas e Valdeorras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/03/2023