A Xunta advirte da necesidade de financiamento europeo para que a automoción poida seguir medrando canda Galicia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na inauguración do XXXII Salón do automóbil e a motocicleta de Vigo

Desde a Administración autonómica espérase que a nova convocatoria do Perte do vehículo eléctrico e conectado traia as respostas que precisa a industria galega

Vigo, 8 de marzo de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou esta tarde na inauguración do XXXII Salón do automóbil e a motocicleta de Vigo que Stellantis está chamada a seguir medrando con Galicia, e que para iso precisa respostas para os seus plans de futuro. Gran parte delas, segundo subliñou, dependen do compromiso de fondos europeos, que a día de hoxe seguen a depender da vontade política do Goberno de España.

O salón do automóbil de Vigo reúne este ano a 35 marcas de vehículos e 25 de motos, que farán desta cita un dos eventos fundamentais do sector da distribución de vehículos en Galicia. Os automóbiles electrificados son os grandes protagonistas da edición, na que os organizadores estiman que recibirán arredor de 48.000 visitantes.

Conde, que lembrou que preto do 14 % do emprego industrial galego traballa no sector e que este supón máis do 32 % das exportacións galegas, apuntou que desde a Administración autonómica se espera que a nova convocatoria do Perte do vehículo eléctrico e conectado traia consigo as respostas que precisa a industria galega. Do mesmo xeito, incidiu en que as comunidades autónomas deben poder acceder en igualdade de condicións aos fondos europeos.

O responsable de Economía, Industria e Innovación subliñou que Galicia está a cumprir a súa parte, e así, desde 2009 a Xunta destinou máis de 210 millóns de euros para apoiar a evolución do sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/03/2023