A Xunta abre a inscrición da oitava edición de Tecnólog@ por un día e do programa Mentoring FP

Tecnólog@ por un día conta con máis de 50 prazas para rapaces de 12 a 17 anos, que durante abril e maio poderán visitar algunha das empresas tecnolóxicas que colaboran coa iniciativa e as instalacións do GaiásTech


A primeira edición do Programa Mentoring FP estréase este mes de marzo con ata 18 prazas dirixidas a distintos niveis de ramas de coñecemento da Formación Profesional para identificar saídas profesionais vinculadas ao sector tecnolóxico


Estas iniciativas forman parte do catálogo de actividades do Plan DigiTalent 2030 para fomentar as vocacións dixitais
 

Santiago de Compostela, 8 de marzo do 2023  A Xunta pon en marcha dúas das iniciativas do Plan DigiTalent 2030 para fomentar as vocacións tecnolóxicas. Por un banda, ábrese o prazo de inscrición da oitava edición de Tecnólog@ por un día e, por outra, lánzase a primeira edición do Programa Mentoring FP.

Ata o 28 de marzo estará aberto o prazo de inscrición de Tecnólog@ por un día, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración co sector TIC, para ofrecer ao alumnado de secundaria e bacharelato a oportunidade de visitar durante unha xornada o centro de traballo dalgunha das empresas que colaboran coa iniciativa.

Este ano hai 57 prazas dispoñibles para visitar durante os meses de abril e maio as instalacións das empresas tecnolóxicas colaboradoras ou o Centro GaiásTech da Amtega. A través de Tecnólog@ por un día rapaces e rapazas de 12 a 17 anos poden achegaranse a proxectos reais das empresas tecnolóxicas, entrar en contacto coas profesións dixitais e resolver as súas inquedanzas sobre as profesións STEAM.

Toda a información na web DigiTalent

O formulario de inscrición está dispoñible no espazo de Tecnólog@ por un día na web DigiTalent. Neste espazo, ademais, docentes, alumnado e profesionais das entidades colaboradoras poden atopar toda a documentación de referencia sobre esta actividade para consulta e descarga, así como as instrucións para participar e a listaxe de prazas dispoñibles ás que o alumnado poderá optar segundo a súa preferencia, grupo de idade ou localización.

 

Visitas ás instalacións cunha perspectiva práctica

Tras a finalización do período de inscrición, celebrarase un sorteo público para a asignación das prazas e a listaxe de reservas. A partir do 11 de abril, docentes e empresas recibirán no seu enderezo electrónico as comunicacións co resultado do sorteo e os pasos a seguir.

 

Desde este momento, as empresas colaboradoras: Altia, DOS ESPACIOS, DXC Technology, NTT Data, Quobis, Televés, Vodafone e a propia Amtega, comezarán a contactar co alumnado para fixar a data e o horario das visitas nas que os rapaces e rapazas poderán participar en tarefas propias da xornada laboral, como formar parte das reunións de equipo, das comidas de traballo ou facer visitas aos clientes.

 
Programa Mentoring FP

Ademais, ata o 16 de marzo estará aberta a convocatoria de Mentoring FP 2022-2023, unha iniciativa froito da colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ao abeiro do programa Eduemprende e do Plan DigiTalent 2030.

 

O obxectivo do Programa é titorizar e acompañar ao alumando de Formación Profesional dos ciclos de Grao Superior e de cursos de especialización para identificar saídas profesionais adaptadas ao perfil de cada estudante e o desenvolvemento da súa carreira profesional, así como a posta en marcha dun proxecto emprendedor.

 

O Programa conta con 18 prazas que permitirán ao alumnado participante seguir un Plan de Mentoring personalizado e definido polo persoal experto que asumirá o rol de mentor dos alumnos en cada unha das grandes empresas tecnolóxicas que colaboran coa iniciativa: Altia, DXC Technology, Inetum e NTT Data.

Todos os detalles destas e doutras actuacións dirixidas á infancia e adolescencia, así como as instrucións para participar atópanse en constante actualización na web DigiTalent.

Data de actualización: 08/03/2023