A Xunta informa da constitución do Consello Regulador de Agricultura ecolóxica de Galicia

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria presidiu hoxe a constitución do novo pleno deste consello regulador, así como a elección da presidencia e da vicepresidencia


Ao longo do día constituiranse os consellos reguladores da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e das denominacións de orixe Ribeira Sacra e Monterrei
 

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2023  O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu hoxe a constitución do novo pleno do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, no marco das renovacións dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario, segundo o establecido na orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado no 10 de novembro.

 

Así, este novo pleno quedou conformado por 6 vogalías froito de pactos electorais para o Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e a Asociación Agraria de Galicia. As 7 vogalías restantes, todas por candidatura única, foron para a Asociación Clúster da Alimentación Ecolóxica de Galicia.

 

Tras a toma de posesión, os vogais aprobaron que a presidencia do consello regulador a asuma Francisco López Valladares, quen repite no cargo. No tocante á vicepresidencia do sector industrial, repite no cargo Rocío Freire Rodríguez, de Alibós Galicia; mentres que a vicepresidencia do sector produtor será para Mónica Brey Baltar.

 

Cabe lembrar que nas pasadas eleccións só votaron determinados censos dos consellos reguladores das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas de Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Tamén, no da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia e no das IXP das Carnes de Vacún de Galicia. O resto de censos tiñan candidatura única ou chegaron a un acordo.

 

Ao longo do día quedarán constituídos os novos consellos reguladores das DO Ribeira Sacra e Monterrei e da IXP Pataca de Galicia. Durante a semana tamén se constituirán os consellos reguladores das IXPs Carnes de Vacún de Galicia, así como as denominacións de orixe Rías Baixas e Valdeorras.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/03/2023