O director da Axencia Galega da Industria Forestal inaugurou en Lugo o Foro sectorial Mulleres con madeira

A Xunta aposta polo talento feminino no sector forestal-madeira

Jacobo Aboal manifestou no foro organizado pola asociación LugoMadera a necesidade de seguir fomentando activamente a creación e mantemento de emprego feminino neste sector

A Axencia Galega da Industria Forestal incorpora de forma transversal nas convocatorias de axudas cláusulas cunha puntuación específica nos supostos de mulleres que desempeñen funcións de dirección ou xerencia

Pola súa parte, a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou na mesa redonda sobre o impulso da igualdade nas empresas

Lugo, 8 de marzo de 2023

Ao abeiro do Día internacional da muller, hoxe celebrouse o Foro sectorial Mulleres con madeira, que foi inaugurado polo director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal. Na súa intervención, agradeceu o traballo da asociación LugoMadera e puxo de relevo a importancia de facer visible a necesidade de seguir impulsando o rol da muller no sector forestal madeira. Ao Foro tamén acudiu a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha.

Aboal lembrou que “aínda que a maioría das actuacións levadas a cabo pola Axencia están dirixidas a persoas xurídicas, o que podería ocultar a perspectiva de xénero, temos que recordar que detrás deses órganos hai persoas físicas, polo que a análise da situación debe facer énfase no impulso en materia de indicadores de xénero”. 

Así pois, dende hai anos, a Axencia Galega da Industria Forestal incorpora criterios concretos nas liñas de axuda para que se valore a creación e mantemento de emprego, incluíndo unha puntuación adicional cando estes empregos sexan femininos. Deste xeito, por exemplo, os criterios de baremación das diferentes liñas de axuda que se convocan inclúen cláusulas cunha puntuación específica nos supostos de mulleres que desempeñen funcións de dirección ou xerencia.

O director salientou en particular as axudas para a organización de actividades formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento, a competitividade e a innovación da industria forestal de Galicia, onde, ademais de outorgar unha maior puntuación a aquelas actuacións en que participe polo menos unha muller como docente ou nun rol principal (entrevistada, protagonista dun vídeo...), as ditas axudas contemplan a posibilidade de financiar actuacións encamiñadas especificamente ao impulso do “papel da muller na industria forestal-madeira”.

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, pola súa banda, participou na mesa redonda sobre o impulso da igualdade nas empresas na que sinalou a importancia de concienciar ao tecido produtivo sobre a adopción de medidas de responsabilidade social empresarial que supoñen un compromiso cos valores da igualdade e a xustiza social.

Mancha explicou que as institucións internacionais máis importantes como son a Organización Internacional de Traballo (OIT), o Fondo Social Europeo (FSE), ou a propia Unión Europea (UE) fixeron estudos que chegaron á conclusión de que unha inserción da muller en igualdade no traballo supoñería aproveitar ao 100 % o talento feminino, e un crecemento das economías, xa que farían ás empresas máis competitivas e prósperas.

“Nas empresas non poden renunciar ao talento feminino e en sectores masculinizados como a madeira, a construción ou transporte existen, ademais, vacantes laborais”, apuntou.

A directora xeral destacou que para avanzar cara á igualdade de oportunidades entre mulleres e homes é clave impulsar a conciliación e a corresponsabilidade, así como medidas dirixidas á flexibilidade e á racionalización dos horarios. A Xunta, neste senso, lembrou que dispón dun programa de axudas dotado de 1,5 millóns, así como do campus virtual de igualdade laboral para axudar ás empresas nesta materia. Para rematar puxo en valor a nova Lei autonómica de igualdade que entrará no Parlamento antes de abril, unha norma que incidirá no concepto do benestar laboral e que porá no centro das empresas a conciliación. Así mesmo, apuntou que se está a tramitar a certificación de excelencia en igualdade para visibilizar ás empresas que se preocupan pola igualdade e recordou o programa autonómico Responsabilízate, de asesoramento a pemes en materia de RSE.

Campaña #ElasXeranSector

Cómpre engadir que, baixo a denominación #ElasXeranSector a Axencia Galega da Industria Forestal promove iniciativas activas para visualizar e incrementar a presenza do talento feminino no sector, xerando grupos de traballo con compromisos certos na súa axenda de reunións e de actuacións a favor da igualdade efectiva, nunha industria na que tradicionalmente hai unha representación inferior das traballadoras.

Complementariamente, a Axencia foi pioneira na adhesión ás iniciativas #HeForShe, promovida pola ONU, e #DóndeEstánEllas, promovida polo Parlamento Europeo.

Data de actualización: 08/03/2023