Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller

Como cada 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a Xunta de Galicia volve reivindicar a necesidade de avanzar cara unha igualdade efectiva e real entre homes e mulleres que nos permita alcanzar unha sociedade verdadeiramente xusta e democrática: a sociedade do futuro.

Recoñecida oficialmente pola Organización das Nacións Unidas en 1977, esta efeméride xurdiu por primeira vez das actividades dos movementos laborais a principios do século XX en América do Norte e en toda España á fin de eliminar toda forma de discriminación cara as mulleres, promovendo o seu empoderamento e conseguindo a súa plena participación na sociedade.

Máis de cen anos despois todo cambiou, pero algunhas cousas menos ca outras: as desigualdades, aínda que distintas, continúan. Nun contexto no que a evolución do mercado laboral está marcada pola incursión de internet e as novas tecnoloxías, no que todo pasa por un proceso tecnolóxico, un 37 por cento das mulleres do mundo aínda non teñen acceso a el.

Esta desigualdade foi a que levou á ONU a escoller este ano como lema para conmemorar este 8M “Por un mundo dixital inclusivo: innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero”, que serve de paraugas para unha xornada que intenta crear conciencia e que homenaxeará a activistas e organizacións que loitan por unha tecnoloxía e unha educación transformadoras para mulleres e nenas, explorando os efectos da fenda dixital de xénero no crecemento das desigualdades sociais e económicas.

A Xunta de Galicia leva anos traballando e apostando pola promoción das vocacións STEM -a ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría ou as matemáticas- entre as nenas e as mozas para rachar coa fenda de xénero e cos estereotipos que aínda persisten hoxe en día. Para iso, resulta fundamental consolidar o enfoque de xénero e o fomento da incorporación e promoción profesional das mulleres neste ámbito.

Pero nun día coma o de hoxe tamén cómpre poñer de manifesto a importancia de protexer os dereitos das mulleres e das nenas en espazos dixitais, abordando a violencia de xénero en liña. Galicia deu pasos legais significativos neste eido ao aprobar, no ano 2021 e por unanimidade, unha reforma lexislativa que incorporou a violencia de xénero dixital como unha forma de violencia máis. 

A loita por acadar unha igualdade real -que chegue a todas as institucións e elos da sociedade- leva un longo camiño percorrido; sen embargo, as cifras indican que aínda queda moito por facer e a realidade evidencian que cada día é unha pequena vitoria nunha vida de loita.

Hoxe, e os 365 días do ano, queremos reivindicar que a igualdade achega novas perspectivas, talento, creatividade e máis oportunidades en calquera ámbito, polo que reiteramos o noso compromiso cunha ciencia do futuro que sexa feminista, integradora e humanista que redundará no progreso e no desenvolvemento real da sociedade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/03/2023