A Xunta confirma a constitución do consello regulador da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria presidiu hoxe a constitución do novo pleno deste consello regulador, así como a elección da presidencia e da vicepresidencia

Ao longo da semana constituiranse os consellos reguladores doutras indicacións xeográficas protexidas e denominacións de orixe

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu hoxe a constitución do novo pleno do consello regulador da indicación xeográfica protexida (IXP) Castaña de Galicia, no marco das renovacións dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario, segundo o establecido na orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado no 10 de novembro.

Así, este novo pleno quedou conformado por 3 vogais tanto para Unións Agrarias como para a Asociación Agraria de Galicia, no caso da produción; mentres no sector industrial a candidatura única correspondente á Candidatura Independente Procesadores de Castaña de Galicia queda con 6 vogais.

Tras a toma de posesión, os vogais aprobaron por unanimidade que a presidencia do consello regulador a asuma Jesús Quintá García -quen repite no cargo- e que a vicepresidencia sexa para María Páez Pérez.

Cabe lembrar que nas pasadas eleccións só votaron determinados censos dos consellos reguladores das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas de Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Tamén, no da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia e no das IXP das Carnes de Vacún de Galicia. O resto de censos tiñan candidatura única ou chegaron a un acordo.

Durante a semana tamén quedarán constituídos os novos consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Carnes de Vacún de Galicia e Pataca de Galicia; así como as denominacións de orixe de Ribeira Sacra, Monterrei, Rías Baixas e Valdeorras. Por último, tamén se constituirá o novo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2023