O delegado territorial visitou esta mañá a Mancomunidade de Concellos da Comarca do Carballiño

Gabriel Alén pon en valor as axudas da Xunta para a creación de unidades de atención temperá das entidades locais

Na provincia de Ourense foron beneficiarias as Mancomunidades de Concellos do Carballiño con preto de 306.000 euros, e de Verín con máis 255.000 euros

O delegado territorial subliñou a importancia deste recurso que identifica e actuar ante posibles problemas no desenvolvemento de nenos de ata 6 anos de idade

A unidade da Mancomunidade de Concellos da comarca do Carballiño, conta con 4 profesionais que teñen previsto atender a 150 nenos e nenas tamén da Mancomunidade de Concellos do Ribeiro e do municipio de Maside

Ourense, 07 de marzo de 2023

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, acompañado do presidente Mancomunidade de Concellos da Comarca do Carballiño, Manuel Cerdeira, visitou esta mañá as instalacións do ente supramunicipal, unha das beneficiarias da orde de axudas da Consellería de Política Social e Xuventude con preto de 306.000 euros para a creación de unidades de atención temperá por parte de entidades locais.

 

O delegado territorial precisou que na provincia de Ourense a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Verín tamén foi beneficiaria da mesma orde con máis de 255.000 euros; sendo ámbalas dúas entidades locais a únicas que solicitaron as axudas.

 

Gabriel Alén subliñou a importancia deste recurso que identifica e actuar ante posibles problemas no desenvolvemento de nenos de ata 6 anos de idade. Como novidade, esta convocatoria —dotada con 12 millóns de euros— será de carácter plurianual, o que permitirá darlle aos concellos máis facilidades para a súa posta en marcha, ao garantir a seguridade financeira e reducir o papelame para solicitar as axudas.

 

A unidade da Mancomunidade de Concellos da Comarca do Carballiño (O Carballiño, Beariz, Boborás, O Irixo, Piñor, San Amaro), con sede no Carballiño, conta con 4 profesionais que teñen previsto atender a 150 nenos e nenas tamén da Mancomunidade de Concellos do Ribeiro e do municipio de Maside. Para recibir atención temperá, a familia deberá acudir ao pediatra do centro de saúde que lle corresponda e informarlle da sospeita de trastorno do desenvolvemento do seu fillo. A estas unidades acoden nenos e nenas de 0 a 6 anos con necesidades transitorias ou permanentes relacionadas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos. Os profesionais que traballan aquí son na maioría: logopedas, psicólogos, fisioterapeutas ou terapeutas ocupacionais. Ademais, os hospitais públicos contan con unidades de atención temperá dependentes da Consellería de Sanidade.

 

Destacou tamén o representante do Goberno galego que con esta nova orde atenderase a máis de 5.000 nenos de toda Galicia que presenten problemas de desenvolvemento; “o que amosa o compromiso da Xunta durante os últimos anos por estes servizos de atención”. Neste sentido, concretou que no ano 2009 existían dúas unidades na nosa Comunidade que daban atención a 15 concellos galegos, mentres que na actualidade son xa máis de 40 os centros que dan servizo a máis de 200 municipios. “É dicir, cada vez máis familias contan con este servizo ao carón das súas casas, o que fomenta a igualdade de oportunidades con respecto ás familias que viven nas cidades” afirmou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2023