A Xunta colabora cos concellos lucenses na mellora dos camiños rurais con novas achegas que suman 4,6 M€

As axudas aprobadas na provincia nos últimos cinco anos ascenden a 19,6M€ e benefician a todos os municipios


O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou as últimas obras realizadas ao abeiro deste plan en Guntín, que recibiu neste período 365.800 euros
 

Guntín (Lugo), 7 de marzo de 2023

A Consellería do Medio Rural vén de publicar as axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños rurais para o bienio 2023-2024, que asignan aos concellos de Lugo 4.615.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que nos últimos cinco anos a contía destinada á provincia ascende a preto de 20 millóns de euros (19.632.000 euros), distribuídos entre todos os municipios en función de criterios consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias.

“O obxectivo -explicou Arias- é mellorar as condicións de vida e traballo no medio rural actuando sobre as infraestruturas viarias, que facilitan a accesibilidade, vertebran o territorio e contribúen ao aumento de competitividade da actividade agraria e forestal”.

O delegado desprazouse hoxe a Guntín para coñecer os últimos traballos executados no municipio ao abeiro da convocatoria do pasado ano, acompañado pola alcaldesa, María José Gómez, entre outros. A obra consistiu no acondicionamento da vía de acceso ao núcleo de Ourol, de case 2 quilómetros de lonxitude e cun ancho variable de entre 3 e 4 metros; aplicouse unha capa de mestura asfáltica en quente de cinco centímetros de espesor e limpáronse as cunetas para facilitar a circulación das augas e evitar danos ao pavimento.

Arias explicou que desde o 2019 o concello de Guntín ten recibido 365.800 euros para o arranxo de camiños rurais, incluídos os 83.500 euros para esta actuación en Ourol e os 84.120 euros que lle corresponden na convocatoria recentemente publicada.

Ao respecto, cómpre lembrar que os criterios de repartición dos fondos públicos vinculados a esta convocatoria de axudas, cofinanciadas con fondos Feader, teñen en conta o número de entidades de poboación e número de habitantes así como outras variables vinculadas á superficie, agrariedade, grao de despoboamento e grao de envellecemento.

Son axudas directas, que se conceden na modalidade non competitiva, e o único requisito para os concellos é presentar o formulario de solicitude coa descrición do proxecto para o que se solicitan. O prazo para facelo remata o día 3 de abril.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2023