A Xunta garante a continuidade de 7 unidades de atención temperá en 16 concellos do sur da provincia de Pontevedra cunha achega de 1,8 M€

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, confirmou esta mañá o financiamento autonómico destes servizos ata o ano 2024 nunha visita ás instalacións da UAT agrupada do Baixo Miño, emprazada no edificio de Benestar Social de Tomiño

O representante autonómico, que estivo acompañado pola alcaldesa Sandra González, salientou a importancia destas unidades que tamén traballan en Arbo, Salceda, Crecente, A Cañiza, Mondariz, Mondariz-Balneario, Covelo, Salvaterra, As Neves, Nigrán, O Porriño e Mos

“Hai unha década apenas había dúas unidades que atendían a 15 concellos en toda Galicia e, grazas a forte aposta social da Xunta, hoxe dispoñemos de 41 equipos, 11 deles na provincia, que chegan á veciñanza de máis de 200 concellos, o que demostra que fomentamos a igualdade de oportunidades e achegamos os servizos ao rural”, manifestou o representante autonómico

Tomiño, 7 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, vén de garantir a continuidade de sete unidades de atención temperá (UAT) en ata 16 concellos do sur da provincia grazas á concesión dunha achega global de case 1,8 millóns de euros. Deste xeito, estes servizos, orientados a favorecer o desenvolvemento de cativos de ata seis anos con dificultades, manteranse operativos alomenos dous anos máis, ata finais de 2024.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, confirmou esta mañá o financiamento autonómico que sosterá o futuro destas unidades nunha visita ás instalacións da UAT agrupada do Baixo Miño, emprazada no Edificio de Benestar Social do Concello de Tomiño e que atende aos rapaces deste municipio e os da Guarda, Tui e O Rosal. No acto estivo acompañado pola xefa territorial de Política Social, María José Pérez-Izaguirre, pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e por outros representantes municipais e persoal técnico.

“Estas unidades fan un gran traballo, atendendo semanalmente a centos de cativos do sur da provincia con problemas de desenvolvemento grazas a grandes profesionais da psicopedagoxía, a fisioterapia e a logopedia, polo que creo que a súa continuidade era máis que merecida e necesaria e por iso dende a Xunta apostamos polo seu financiamento e ademais o facemos de xeito plurianual, que era unha atinada demanda de moitos destes servizos de toda Galicia para poder planificar e realizar mellor este traballo”, manifestou o representante autonómico.

Deste xeito, e coa recente resolución da derradeira convocatoria, a Xunta concedeu 322.440 euros á UAT do Baixo Miño, que contará con cinco profesionais; 237.194 euros ao servizo agrupado de Arbo, Salvaterra e Crecente, que terá tres traballadores; a mesma contía para o da Cañiza, Mondariz, Mondariz-Balneario, Covelo e Melón dotado con tres especialistas; 313.174 euros para a unidade de Salceda de Caselas e As Neves, que disporá de catro profesionais; 246.480 euros para Mos con catro traballadores; 237.194 euros para O Porriño con tres especialistas; e 182.604 euros para a UAT de Nigrán, que terá tres monitores.

Luis López tamén quixo destacar o despregamento realizado pola Consellería de Política Social e Xuventude para ampliar estas unidades por todo o territorio co obxectivo de “achegar os servizos públicos a todos os galegos e favorecer a igualdade de oportunidades, equilibrando as prestacións nos ámbitos rural e urbano”, unha cuestión que se consegue, no caso do sur da provincia, con servizos espallados por practicamente todos os concellos atendidos por ata 25 especialistas neste labor de desenvolvemento, inclusión e integración.

“Hai algo máis dunha década apenas había dúas unidades de atención temperá en toda Galicia que atendían a quince concellos e, grazas á forte aposta social da Xunta, hoxe dispoñemos de 41 unidades, 11 delas na provincia de Pontevedra, que chegan a máis de 200 concellos cun investimento de 10,3 millóns de euros, o que fomenta a igualdade, xa que con estes servizos agardamos atender cada ano a uns 5.000 nenos e nenas con problemas de desenvolvemento”, detallou o delegado territorial.

As once unidades da provincia de Pontevedra contarán con 37 traballadores grazas a un orzamento de 2,6 millóns de euros e estarán operativas, ademais de nos 16 concellos do sur, en Cuntis, Moraña, Barro, Portas, Caldas, Campo Lameiro, A Estrada e Cangas do Morrazo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2023