A Xunta informa da constitución do consello regulador da denominación de orixe Ribeiro

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria presidiu hoxe a constitución do novo pleno deste consello regulador, así como a elección da presidencia e da vicepresidencia

Ao longo do día constituirase tamén o consello regulador da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2023 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu hoxe a constitución do novo pleno do consello regulador da denominación de orixe (DO) Ribeiro, no marco das renovacións dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario, segundo o establecido na orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado no 10 de novembro.

Así, este novo pleno quedou conformado por 3 vogalías, sometidas a eleccións, correspondentes a Unións Agrarias e á Asociación Agraria de Galicia; 2 para a Asociación Agraria de Galicia; outra vogalía para Candidatura Independente de Bodegas; 3 para a Cooperativa Viña Costeira e unha vogalía restante para a Asociación Galega de Vitivinicultura Artesanal. Estas 7 últimas vogalías foron por candidatura única.

Tras a toma de posesión, os vogais aprobaron, por unanimidade, que a presidencia do consello regulador a asuma Juan Manuel Casares Gándara e a vicepresidencia sexa para Concepción Iglesias Pousa. Ambos repiten no cargo.

Cabe lembrar que nas pasadas eleccións só votaron determinados censos dos consellos reguladores das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas de Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Tamén, no da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia e no das IXP das Carnes de Vacún de Galicia. O resto de censos tiñan candidatura única ou chegaron a un acordo.

Ao longo do día constituirase tamén o consello regulador da IXP Castaña de Galicia. Durante a semana tamén quedarán constituídos os novos consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Carnes de Vacún de Galicia e Pataca de Galicia; así como as denominacións de orixe de Ribeira Sacra, Valdeorras, Monterrei e Rías Baixas. Por último, tamén se constituirá o novo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2023