A Xunta reforza con camións autobomba equipamento dos GES de Curtis, Ponteceso, Mos/Redondela, Ribadavia e o Servizo Municipal Terras de Celanova
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na entrega deste material que suma un orzamento de case 1,3 M€
Forma parte da dotación coa que o Goberno galego apoia este ano 13 GES da comunidade
O investimento global destinado aos GES ascende a 2 M€, no marco dos máis de 24 M€ investidos nos últimos anos en material a GES e aos servizos de Protección Civil
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe nunha nova entrega de equipamento a distintos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) da comunidade, con cinco camións autobomba. Os destinatarios foron os GES de Bergantiños, con sede en Ponteceso; Betanzos, Terra de Melide e Ordes, con sede en Curtis; Redondela e Mos, con subsedes en ambos os concellos; do Ribeiro, con sede en Ribadavia, e o Servizo Municipal Terras de Celanova, con sede en Celanova.
Apoio aos servizos de emerxencias locais
Nesta liña referiuse a que, pese a tratarse dunha competencia local -dos municipios de máis de 10.000 habitantes e das deputacións nos de menor poboación- o Goberno galego colabora no equipamento dos seus GES e Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) con máis de 24 millóns de euros nos últimos anos. No caso das AVPC estase a entregar tamén material da orde de equipamento do ano pasado, que conta cunha dotación de 1 millón de euros para coitelas quitaneves, remolques, tendas de campaña para a atención ás emerxencias, vehículos todoterreo, esparexedores de sal, embarcacións pneumáticas e desfibriladores externos.
Deste xeito, ambas as deputacións que no exercicio anterior rexeitaran as melloras propostas pola Xunta aceptaron aplicalas neste 2023 cos novos convenios. Así, incrementaranse en 40.000 euros os custos salariais dos efectivos dos GES, pasando de 280.000 a 320.000 euros, co obxecto de adaptalos ao seu custo real actual. Na provincia da Coruña tamén se acordou equiparar o financiamento do servizo municipal de Noia ao resto dos GES, pasando de 155.000 a 320.000 euros.
Estas melloras xa se levan aplicando nos grupos da provincia de Ourense grazas ao acordo da Xunta coa Deputación ourensá e a Fegamp formalizado en 2022 para manter o acordo durante catro exercicios, ata 2025. No caso dos GES da provincia de Pontevedra, rexeitaran as medidas e o acordo actual vence a finais deste ano.