A Xunta entrega o primeiro certificado de calidade á residencia pública autonómica de Porta do Camiño

Estenderase a todas as residencias da rede pública autonómica e permite garantir a calidade, a profesionalidade e a eficiencia dos centros en base a normas e estándares internacionaisNestes momentos, ademais da residencia de Porta do Camiño, contan con esta certificación a residencia pública autonómica da Estrada e a das Gándaras, en Lugo
 

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 202

3 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, entregou hoxe o primeiro Certificado de Calidade á residencia pública autonómica de Porta do Camiño, en Santiago. Mediante esta certificación, que se estenderá a todas as residencias da rede pública autonómica, garántese a calidade, a profesionalidade e a eficiencia deste centro en base a normas e estándares internacionais.

A conselleira explicou que esta certificación atópase dentro do Plan de Calidade de residencias impulsado polo Goberno galego no marco do novo modelo de coidados de Galicia. As primeiras residencias en contar con este selo son, ademais de Porta do Camiño, a residencia pública autonómica da Estrada e a residencia das Gándaras, en Lugo. Para a súa implantación o Goberno galego destina 117.000 euros.

Fabiola García apuntou que estes certificados teñen como obxectivo garantir os mellores coidados atendendo ás necesidades específicas dos residentes; implicar a participación do persoal na mellora continua do servizo e agregar valor aos centros residenciais da rede pública, así como satisfacer aos seus usuarios. En definitiva, a finalidade é ofrecer unha atención sobresaínte nos centros residencias desde todas as perspectivas.

Novo modelo de coidados

A Xunta segue avanzando na implantación do novo modelo de coidados de Galicia mediante a licitación, por 3 millóns de euros, de habitacións intelixentes en todas as residencias da rede pública autonómica; tamén coa instalación do programa Sios Life, que permite realizar actividades de estimulación física e cognitiva aos maiores a través da realidade virtual; ou de equipos multiparamétricos para optimizar o traballo dos profesionais e minimizar erro no traslados de datos.

Por outro lado, a conselleira lembrou que a Xunta está a crear os primeiros centros de coidados intermedios públicos de toda España: un en Mos e outro en Santiago, concretamente no Cegadi. Estes dous centros permitirán ofrecer coidados a aquelas persoas que recibiron a alta hospitalaria, pero seguen precisando atención continuada desde o ámbito social.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2023