O Servizo Galego de Saúde participa na Joint Action CIRCEpara a transferencia do seu modelo de telemedicina a outros paises membros da Unión Europea

A Unión Europea incluíu o modelo de telemonitorización do Sergas (Telea) como unha das seis boas prácticas de atención primaria a transferir ao resto dos países membros


O soporte da transferencia da telemonitorización será coordinada pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, xunto coa Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)
 

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2023 O Servizo Galego de Saúde participa hoxe en Sevilla nas xornadas europeas Joint Action CIRCE, na que 14 países membro da Unión Europea abordarán cal vai ser o procedemento de transferencia das boas prácticas en atención primaria.

A Unión Europea incluíu o modelo de Telemonitorización do Sergas (Telea) como unha das seis boas prácticas de atención primaria a transferir ao resto dos países membros. Así, o soporte da transferencia da telemonitorización será coordinada pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, xunto coa Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS)

Telea, é a plataforma de telemonitorización do Servizo Galego para o seguimento dos pacientes no domicilio e emprega as tecnoloxías da comunicación para manter en contacto aos profesionais sanitarios e aos seus pacientes, facilitando a monitoraxe do estado de saúde dos pacientes, sen necesidade de desprazamentos ao seu centro de saúde. Este sistema de telemonitorización ten sido fundamental durante os últimos anos para o seguimento da pandemia da covid-19. O obxectivo é o empoderamento do paciente e a mellora da calidade de vida dos enfermos a través dun seguimento estreito encamiñado a detectar con axilidade descompensacións nos indicadores de saúde.

No ano 2021, Telea foi escollida como unha boa práctica en atención primaria pola Comisión Europea, no seo da convocatoria pública en que os países membros da Unión Europea presentaron distintas experiencias.

O modelo de telemonitorización do Servizo Galego de Saúde é unha das seis boas prácticas europeas seleccionadas para ser transferido aos países da Unión Europea mediante a participación na Joint Action CIRCE-JA. Esta acción conxunta ten como obxectivo a transferencia do coñecemento adquirido destas boas practicas en atención primaria, tras ter demostrado obter bos resultados. Nesta iniciativa, financiada polo programa EU4Health, están implicados 14 países europeos.

Deste xeito, a telemonitorización galega colócase como modelo de implementación no ámbito da telemedicina en atención primaria no conxunto da Unión Europea. Nunha primeira fase, será transferida a Suecia e Italia, para o que se organizarán reunións conxuntas e visitas de traballo durante os vindeiros 3 anos de duración desta Joint Action entre os tres países membros.

Departamento:
C. de Sanidade
Data de actualización: 07/03/2023