A Xunta confirma a constitución do consello regulador da denominación de orixe protexida Arzúa-Ulloa

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria presidiu hoxe a constitución do novo pleno deste consello regulador, así como a elección da presidencia e da vicepresidencia

Ao longo da semana constituiranse os consellos reguladores das restantes indicacións xeográficas, denominación de orixe e indicacións xeográficas protexidas sometidas a renovación

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu hoxe a constitución do novo pleno do consello regulador da denominación de orixe protexida (DOP) Arzúa-Ulloa, no marco das renovacións dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario, segundo o establecido na orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado no 10 de novembro.

 

Así, este novo pleno quedou conformado por 3 vogalías correspondentes a Unións Agrarias e a Asociación Agraria de Galicia; outras 3 da lista conxunta Candidatura Independente Pequenas Queixerías da DOP Arzúa-Ulloa e Candidatura Independente Queixerías da DOP Arzúa-Ulloa -as 6 son froito de pactos electorais-; e por outras 3 vogalías de candidatura única para Candidatura Independente Queixerías da DOP Arzúa-Ulloa. Tras a toma de posesión, os vogais aprobaron que a presidencia do consello regulador a asuma Luis Lamas Costa e a vicepresidencia Antonio Ferreiro Ferreiro.  

 

Cabe lembrar que nas pasadas eleccións só votaron determinados censos dos consellos reguladores das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas de Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Tamén, no da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia e no das IXP das Carnes de Vacún de Galicia. O resto de censos tiñan candidatura única ou chegaron a un acordo.

 

Ao longo da semana constituiranse os novos consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Carnes de Vacún de Galicia, Castaña de Galicia, Pataca de Galicia e Pan de Cea; así como das denominacións de orixe de Ribeira Sacra, Valdeorras, Monterrei, Ribeiro e Rías Baixas. Por último, tamén se constituirá o novo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2023