A Xunta confirma a constitución do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Queixo Tetilla

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria presidiu hoxe a constitución do novo pleno deste consello regulador, así como a elección da presidencia e da vicepresidencia

Esta tarde tamén se constituirá o consello regulador da DOP Arzúa-Ulloa
 

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2023 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu hoxe a constitución do novo pleno do consello regulador da denominación de orixe protexida (DOP) Queixo Tetilla, no marco das renovacións dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario, segundo o establecido na orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado no 10 de novembro.

Así, este novo pleno quedou conformado por 3 vogalías correspondentes a Unións Agrarias e Asociación Agraria de Galicia -froito dun pacto electoral- e por 5 correspondentes a Queixerías da DOP Queixo Tetilla por candidatura única. Tras a toma de posesión, os vogais aprobaron que a presidencia do consello regulador a asuma Benigno Pereira Ramos e a vicepresidencia sexa asumida por Juan Carlos Barral Camba, de Queixería Barral SLU.

Cabe lembrar que nas pasadas eleccións só votaron determinados censos dos consellos reguladores das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas de Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Tamén, no da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia e no das IXP das Carnes de Vacún de Galicia. O resto de censos tiñan candidatura única ou chegaron a un acordo.

Esta tarde tamén se constituirá o consello regulador correspondente a unha denominación de orixe protexida de queixo, o de Arzúa-Ulloa. Durante a semana tamén quedarán constituídos os novos consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Carnes de Vacún de Galicia, Castaña de Galicia, Pataca de Galicia e Pan de Cea; así como as denominacións de orixe de Ribeira Sacra, Valdeorras, Monterrei, Ribeiro e Rías Baixas. Por último, tamén se constituirá o novo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2023