A Xunta comeza as obras de renovación do saneamento de Vilagarcía de Arousa, que supoñen un investimento de case 10 M€

Coa sinatura da acta de replanteo efectuada, ten lugar o comezo efectivo destas actuacións que están a iniciarse coa implantación e preparación do terreo

O trazado da intervención xa está definido, polo que nas vindeiras semanas empezarán a traballar as máquinas nesa zona

Renovaranse os colectores na avenida de Rodrigo de Mendoza e executaranse dous tanques de tormentas e un treito de colector na avenida de Cambados co obxectivo de solucionar os problemas nas redes

Os tanques instalaranse na zona da Praza e en Fexdega e os colectores na rúa García Caamaño e na marxe dereita do río Con

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2023

A Xunta vén de iniciar as obras de renovación do sistema de saneamento de Vilagarcía de Arousa, que supoñen un investimento de case 10 millóns de euros.

 

A sinatura da acta de replanteo xa efectuada, dá comezo efectivo á execución destas actuacións que están a iniciarse coa implantación e preparación do terreo.

 

O trazado da intervención xa está definido, polo que nas vindeiras semanas xa empezarán a traballar as máquinas nesta zona.

 

Estas actuacións teñen como obxectivo solucionar os problemas na rede de sumidoiros de Vilagarcía, onde existe un exceso de sólidos, ineficiencia dos colectores e unha entrada excesiva de augas limpas e auga do mar que, mesmo con precipitacións moderadas, causan inundacións e vertidos.

 

Para solucionar esas deficiencias, proxéctase a renovación da rede de colectores na avenida de Rodrigo de Mendoza e a execución de dous tanques de tormentas, e a execución dun novo treito de colector na avenida de Cambados.

 

Os tanques de tormentas instalaranse na contorna da Praza, cun volume de retención de 3.700 metros cúbicos; e en Fexdega, cunha capacidade de 2.080 metros cúbicos.

 

A renovación dos colectores efectuarase na rúa García Caamaño, na marxe dereita do río Con e no cruce, ademais das impulsións correspondentes a cada un dos tanques de tormentas.

 

A intervención conta co cofinanciamento de fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

 

En paralelo a estas obras, a Xunta avanza no impulso para a ampliación da depuradora municipal, que inclúe un novo pretratamento, un reactor biolóxico de leito móbil e unha ampliación da decantación secundaria, que suporá un investimento de 23,1 M€. 

 

Neste sentido, o Goberno galego ten previsto investir en conxunto máis de 33 M€ na mellora do saneamento e depuración de Vilagarcía para solucionar os vertidos que condicionan a actividade dos profesionais da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2023