A Xunta espera que o novo Perte do vehículo eléctrico ofreza certezas a un sector que supón preto do 14 % do emprego industrial de Galicia

O director do Igape, Fernando Guldrís, participa na reunión da Alianza do Perte Vehículo Eléctrico e Conectado (VEC), convocada polo Ministerio de Industria, onde salienta a necesidade de que os principais fabricantes de España, incluíndo Stellantis, atopen nas futuras convocatorias unha resposta aos seus plans de futuro
 

Lembra que na primeira convocatoria do Perte VEC quedaron sen adxudicar ao redor de 2.200 millóns de euros, e que, en paralelo, de modo unilateral, se asignaron fondos para proxectos na Comunidade Valenciana e en Cataluña para financiar actuacións neste eido
 

Defende que se ofrezan respostas a outros proxectos relacionados coa automoción, como é o caso de Resonac, que proxecta unha planta para a fabricación de grafito destinada a baterías eléctricas
 

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2023

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe na reunión da Alianza do Perte Vehículo Eléctrico e Conectado (VEC), convocada por vía telemática polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, un encontro no que salientou a importancia de que o novo Perte “ofreza certezas” a un sector que, en Galicia, supón preto do 14 % do emprego industrial. 

Neste sentido, Guldrís sinalou que, de cara a futuras convocatorias, os principais fabricantes de España, incluíndo Stellantis, deben atopar unha resposta aos seus plans de futuro. “Está en xogo a competitividade da planta de Stellantis en Vigo, e abaratar os custos de fabricación de vehículos. É un compromiso vital para a automoción galega, ao igual que a necesidade de comprometer os apoios precisos para que Stellantis Vigo poida contar coa nova plataforma para a fabricación dos futuros modelos eléctricos”, afondou.
 
Sobre esta  base, o director do Igape lembrou que na última convocatoria se deixaron sen adxudicar ao redor de 2.200 millóns de euros no Perte VEC. Así mesmo, en paralelo e de modo unilateral, asignáronse 90 millóns de euros para a Comunidade Valenciana como apoio para o desenvolvemento dunha fábrica de baterías, e preto de 30 millóns de euros a Cataluña para financiar actuacións que faciliten o desenvolvemento do ecosistema eléctrico e conectado.
 
Guldrís aproveitou o encontro tamén para defender que se ofrezan respostas a outros proxectos relacionados coa automoción, como é o caso de Resonac, que podería impulsar unha planta para a fabricación de grafito destinada a baterías eléctricas.
 
“As comunidades autónomas debemos poder optar aos fondos en igualdade de condicións”, afondou o director do Igape, quen, de cara á próxima convocatoria do Perte do Vehículo Eléctrico, defendeu a importancia dun reparto “descentralizado e áxil dos fondos” que permita “recoñecer na súa xusta medida todo o esforzo que Galicia e o seu sector da automoción veñen facendo desde hai moito tempo para consolidarse como un referente nacional e internacional”.

Data de actualización: 06/03/2023