Lete Lasa destaca a Galicia como “unha das mecas do Triatlón mundial” cando restan 200 días para a final das series mundiais en Pontevedra

Amosa o seu convencemento de que “Pontevedra volverá ser o epicentro mundial do tríatlon cun éxito organizativo e deportivo no que agardamos que brillen galegos como Antonio Serrat, Sara Guerrero, Natalia Castro ou Esteban Basanta”

 Pontevedra, 3 de marzo de 2023 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe no izado da bandeira da World Triathlon en conmemoración dos 200 días que restan para a celebración das final das Series Mundiais de tríatlon, o 23 e o 24 de setembro en Pontevedra. O mandatario galego aproveitou este momento para reivindicar a Galicia e a Pontevedra como “unha das mecas do tríatlon mundial” tanto pola calidade dos deportistas galegos como polas probas que se organizan en Galicia.

 

Neste sentido, Lete Lasa gabou aos tres triatletas galegos que participaron nuns Xogos Olímpicos, como foron Iván Raña, “pioneiro e revolucinario”; Pilar Hidalgo, “a primeira triatleta referente para moitas que viñeron despois”; e Javier Gómez Noya, “probablemente, o mellor triatleta de todos os tempos”. Lete Lasa tamén nomeou nesta lista a Fernando Alarza, galego de adopción e a Susana Rodríguez Gacio, unha das mellores paratriatletas do mundo que vén de acadar a medalla de ouro nos Xogos Paralímpicos de Toquío.

 

Respecto as competicións de triatlón celebradas en Galicia, Lete Lasa lembrou a gran final do mundial de tríatlon de longa distancia ITU Multisport celebrado en Pontevedra en 2019 coa vitoria de Gómez Noya e o subcampionato de Pablo Dapena; así como a Copa do Mundo disputada o ano pasado tamén en Pontevedra e que rematou cunha prata para Antonio Serrat ou a Copa de Europa de 2010 que gañou asemade Gómez Noya.

 

Con estes precedentes, dixo o secretario xeral, “estamos convencidos de que dentro de 200 días, Pontevedra volverá ser o epicentro mundial do tríatlon cun éxito organizativo e deportivo no que agardamos que brillen galegos como Antonio Serrat, Sara Guerrero, Natalia Castro ou Esteban Basanta”.

Data de actualización: 03/03/2023