A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe o novo servizo dirixido ás persoas con esta doenza que está situado no recentemente aberto centro social de Moraña

A Xunta destina máis de 230.000 euros ao ano para o impulso de sete unidades de atención ao alzhéimer por toda a comunidade

A unidade de Moraña entrou hoxe en funcionamento no recentemente aberto centro social municipal e atende a dez maiores da localidade

O Goberno galego está a mellorar a atención ás persoas con alzhéimer con máis prazas públicas de atención diúrna, ata superar hoxe as 500 en toda a Comunidade; co desenvolvemento da teleasistencia avanzada e co programa de Coidados porta a porta
 

Moraña (Pontevedra), 3 de marzo de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou esta tarde o impulso que está a dar o Executivo autonómico ás unidades de estimulación terapéutica en colaboración do tecido social. Díxoo na visita á unidade destas características que hoxe entrou en funcionamento no novo centro social de Moraña, no que reciben coidados dez maiores da localidade.

Fabiola García, que estivo acompañada do alcalde do concello, José Cela, sinalou que Galicia conta con sete centros como este de Moraña que ofrecen terapias, actividades e coidados especializados na atención ao alzhéimer, e aos que a Xunta destina 230.000 euros ao ano. A unidade de Moraña emprázase no recentemente aberto centro social municipal, que é o resultado das obras de remodelación da antiga Cámara Agraria de Alende nas que a Xunta investiu 200.000 euros.

Ademais, a conselleira sinalou que o Goberno galego traballa na atención das persoas con alzhéimer con máis servizos adaptados ás súas necesidades. Galicia é a única comunidade que conta cunha rede autonómica de centros de alzhéimer e desde o ano 2009 duplicáronse o número de prazas públicas en centros de día especializados nesta patoloxía, ata superar nestes momentos as 500 por toda a Comunidade.

Teleasistencia e coidados de proximidade

Tamén destacou o desenvolvemento da teleasistencia avanzada, que permite xeolocalizar ás persoas con inicios de deterioro cognitivo no caso de que se perdan ou saian da súa zona de seguridade; ou o programa de Coidados porta a porta, que leva servizos gratuítos de estimulación da memoria por todos os concellos de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/03/2023