A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe os equipos participantes neste evento, que se celebrou na Residencia de Tempo Libre do Carballiño

Comeza unha nova edición de Parlamento Xove da Xunta coa celebración da fase clasificatoria para os equipos de Educación Secundaria Obrigatoria

Este certame contribúe a fomentar as habilidades orais e escritas dos participantes, así como a súa capacidade de liderado e o respecto ás ideas dos demais

O programa conta cunha nova categoría para estudantes de Formación Profesional, que se suma ás de ESO, Bachalerato e Universidade

O Carballiño (Ourense), 4 de marzo de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel,estivo esta mañá co alumnado e profesorado dos centros de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) que participan na fase clasificatoria do programa de debate Parlamento Xove, que este ano celebra a decimo cuarta edición. Esta fase inicial celébrase na Residencia de Tempo Libre da Xunta de Galicia no Carballiño e conta coa participación de 24 equipos e 96 mozas e mozos.

Cristina Pichel destacou que o obxectivo de Parlamento Xove é potenciar as habilidades individuais e en grupo dos participantes en aspectos como a expresión oral e escrita, a orixinalidade ou a argumentación razoada, entre outros. Así mesmo, este programa fomenta o traballo en equipo, o liderado, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais, e o respecto polas ideas dos demais.

A novidade desta 14º edición de Parlamento Xove é que se abre á participación dos estudantes de calquera módulo ou ciclo de Formación Profesional. Así pois, esta nova categoría súmase ás de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), Bachalerato e Universidade.

Na convocatoria actual do certame daranse cita un total de 57 equipos e 282 participantes en todas as categorías. Así, aos que competirán na categoría de ESO hai que engadir 19 equipos e 76 alumnos de Bachalerato; 4 equipos e 16 estudantes de Formación Profesional e 10 equipos e 37 universitarios.

Envellecemento e Estado de Benestar

A pregunta a debate desta edición é: ‘Está preparado o Estado do Benestar para afrontar os desafíos do envellecemento da poboación?’. Os equipos terán que defender unha posición, ben a favor ou ben en contra. A dificultade está en que soamente cinco minutos antes de cada debate procederase ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo.

Desde o seu inicio no ano 2010, e tendo xa en conta esta edición de 2023, neste programa de formación teñen debatido un total de 533 equipos de centros escolares galegos de ESO ou Bachalerato e 38 de universidades, nos que participaron 2.531 persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/03/2023