A Xunta avaliará a próxima semana cos bateeiros as propostas para abrir novas zonas de extracción da mexilla que achegou unha parte do sector tralo último encontro

A Consellería do Mar estaría en disposición de habilitar novas áreas de traballo unha vez conclúa a tramitación desas suxestións por parte dos técnicos, cuestión que facilitaría un acordo cos produtores de mexillón e coas confrarías de pescadores

O Executivo galego avanza así na senda do diálogo mantida desde o primeiro momento co obxectivo de que as decisións que se adopten sexan equilibradas cos intereses dos dous sectores implicados e garantan a explotación sustentable de todos os recursos
 

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2023

A Consellería do Mar vai manter a próxima semana un encontro con representantes dos produtores de mexillón de Galicia co obxectivo de analizar e informar dos avances sobre as propostas de apertura de novas zonas para a extracción de mexilla -semente de mexillón- que unha parte do sector remitiu trala última xuntanza mantida co director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, o pasado 7 de febreiro para abordar o problema da escaseza deste recurso.

Estes contactos -que tamén se veñen mantendo e manterán cos representantes das confrarías de pescadores da comunidade- enmárcanse na liña de diálogo mantida nos últimos meses pola Xunta e prodúcense unha vez analizadas as propostas remitidas por algunhas organizacións do sector do mexillón trala última reunión. Deste xeito, unha vez avaliadas esas suxestións polos técnicos e coas partes implicadas -bateeiros e confrarías- o Executivo galego estaría en disposición de abrir novas zonas para a extracción de mexilla en bancos naturais tras concluír a tramitación pertinente.  

No encontro tamén se abordarán outras cuestións expostas por unha parte do sector e relacionadas cunha maior flexibilidade na operativa diaria co obxectivo de facer fronte, na medida do posible, ás dificultades que están a ter os produtores para obter cría de mexillón.

A Consellería do Mar avanza así na vía do diálogo mantida desde o primeiro momento coa finalidade de que as decisións que se adopten sexan equilibradas cos intereses dos dous sectores implicados -os bateeiros e os percebeiros- garantindo ao mesmo tempo unha explotación sustentable dos recursos.

 
Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 03/03/2023