O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participaron esta mañá na inauguración do evento

A Xunta pon en valor a produción alimentaria ecolóxica da nosa comunidade na cuarta edición da Feira Biocultura da Coruña

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria colabora co evento a través da organización de varias actividades relacionadas coa produción ecolóxica de horta, ecodeseño de embalaxes e incluso demostracións de cociña

Ademais, subvencionará a presenza de 15 operadores ecolóxicos galegos coordinados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia

Este tipo de encontros reforzan o papel como dinamizador económico de Expocoruña, que no seu novo Plan estratéxico se fixa como obxectivos abrir novas liñas de negocio e incrementar as feiras e eventos propios
 

A Coruña, 3 de marzo de 2023

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, interviron esta mañá na cuarta edición da feira BioCultura, organizada pola Asociación Vidasana, na que colaboran diversas institucións, e que estará aberta na cidade herculina ata este domingo 5 de marzo.

Heredia destacou que este tipo de encontros permiten reforzar o papel como dinamizador económico de Expocoruña, que no seu novo Plan estratéxico prevé, entre outras actuacións, abrir novas liñas de negocio e incrementar o número de feiras e eventos propios, ademais de potenciar a actividade de congresos e convencións. A Xunta de Galicia, que achegou 500.000 euros a Expocoruña nos últimos cinco anos, busca promover e fomentar a actividade económica na súa área de influencia a través da utilización dos espazos dun centro polivalente, actualizado, eficiente e sustentable.

Nesta edición participan arredor de 110 empresas e entidades relacionadas cos sectores do ecoturismo, alimentación biolóxica e ecolóxica, eco-cosmética e moda sostible. Durante a súa intervención, José Luis Cabarcos, puxo en valor a importancia destas iniciativas, fundamentais para dar a coñecer a realidade da produción ecolóxica galega entre a poboación.

Ao longo dos tres días de feira, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria colabora co evento a través da organización de nove actividades relacionadas coa produción ecolóxica de horta, ecodeseño de embalaxes, obradoiros infantís, conferencias, mesas de debate,  demostracións de cociña ecogastronómicas e talleres. Todas estas actividades están centradas nese afán de dar a coñecer a produción ecolóxica.

A maiores, a Axencia subvencionará a presenza de 15 operadores ecolóxicos galegos coordinados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), que amosarán na feira o mellor da produción ecolóxica galega con produtos lácteos, cárnicos, repostería, conservas, entre outros.

O Goberno galego apoia este evento, xa que Biocultura se está a posicionar como unha das feiras máis importantes no sector do ecoturismo e produtos ecolóxicos, co obxectivo de ser un referente en España.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/03/2023