A Xunta celebra o nomeamento do conservador do herbario do CIF de Lourizán como presidente da Asociación de Herbarios Ibero-Macaronésicos

Javier Silva-Pando vén de ser nomeado presidente desta asociación hispano-portuguesa sen ánimo de lucro

O seu obxectivo é impulsar o intercambio de coñecementos, experiencias, documentación e material vexetal para coordinar proxectos comúns de actuación

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2023

O Dr. Francisco Javier Silva-Pando, Conservador do Herbario LOU do CIF de Lourizán, vén de ser nomeado presidente da Asociación de Herbarios Ibero-Macaronésicos, segundo se decidiu na súa recente Asemblea Xeral.

A Asociación de Herbarios Ibero-Macaronésicos é unha asociación sen ánimo de lucro, de ámbito hispano-portugués, creada en 1992 e integrada por máis de 40 herbarios institucionais e múltiples socios individuais, co fin de promover a colaboración entre os herbarios membros da Asociación, impulsar o intercambio de coñecementos, experiencias, documentación e material vexetal e coordinar proxectos comúns de actuación. Con iso preténdese mellorar os herbarios existentes e impulsar a creación doutros novos trazando estratexias e promovendo actuacións entre institucións públicas e privadas e activar as relacións dos herbarios membros con outros de finalidade semellante.

Cabe sinalar que o Herbario LOU está localizado no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, onde se conta con coleccións científicas naturais, entre as que destaca o herbario de plantas vasculares, con máis de 90.000 pregos de herbario e máis de 700 tipos de taxóns novos para a Ciencia. Tamén destaca o abundante material procedente de estudos sobre o castiñeiro, carballo e bidueiro, entre outros. Tamén conta co Herbario LOU-Fungi, con máis de 20.000 sobres de mostras secas, procedentes de doazóns e de recoleccións propias.

Ademais do Herbario LOU, o CIF de Lourizán conta con coleccións de artrópodos (LOU-Arthr.), con máis de 500 caixas con numerosos exemplares de Galicia e España, así como doutras zonas do mundo, e que actualmente segue aumentando o seu número, esperando nun curto prazo superar as 1.000 caixas, procedentes de coleccións públicas e privadas. Como exemplo, cóntase coa mellor colección de grilos do noroeste de España, con 14 especies e máis de 400 exemplares.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/03/2023