A Xunta comeza a vindeira semana a campaña de vacinación preventiva fronte á lingua azul

A campaña será obrigatoria e gratuíta en todos os bovinos e ovinos maiores de tres meses da zona de restrición declarada, que inclúe as provincias de Ourense e Pontevedra e as comarcas de Sarria, Chantada e Terra de Lemos-Quiroga

Tras a detección de catro focos de lingua azul en Castro Caldelas, Sarreaus, Fornelos de Montes e As Neves, a vacinación será requisito imprescindible para o movemento dos animais cando remate a época libre dos vectores transmisores da doenza

A Consellería do Medio Rural prevé vacinar ata 265.000 exemplares de bovino e 87.000 de ovino

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2023

Tras a declaración de catro focos de lingua azul en Castro Caldelas, Sarreaus, Fornelos de Montes e As Neves -onde deron positivo dous animais dunha mesma explotación-, a Xunta ten previsto iniciar o próximo martes, día 7 de marzo, unha campaña de vacinación fronte á enfermidade nas zonas incluídas na área de restrición declarada. A dita área inclúe todas as explotacións das provincias de Ourense e Pontevedra e as existentes nas comarcas de Sarria, Chantada e Terra de Lemos-Quiroga, no sur de Lugo.

Nestas áreas, será obrigatoria e gratuíta a vacinación de todos os animais das especies bovina e ovina de máis de tres meses de idade, estando previsto vacinar un total de 265.000 animais bovinos e 87.000 ovinos.

Para desenvolver a campaña, o persoal contratado pola Consellería do Medio Rural irá convocando ás diferentes explotacións, sinalando a data na que está prevista a vacinación. Segundo a pauta vacinal, os ovinos recibirán unha única dose de vacina, vía subcutánea, mentres que os bovinos precisarán dúas doses vacinais, vía intramuscular, separadas 21 días. Isto obrigará ao persoal que efectúa a vacinación a volver visitar todas as explotacións bovinas ás tres semanas de aplicar a primeira dose. 

É preciso recordar que a vacinación será requisito imprescindible para poder realizar movementos de animais cando remate o período libre dos mosquitos Culicoides. Segundo a normativa en vigor, cando se inicie a actividade do vector transmisor da lingua azul, previsiblemente a finais de abril, só se poderá autorizar o movemento de animais dende a área de restrición se proceden de explotacións vacinadas, sendo necesario que os animais de máis de 4 meses estean vacinados, ou se son animais menores desa idade, que procedan de nais vacinadas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/03/2023