A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe o novo servizo da entidade acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia, Javier Arias

A Xunta felicita a Raiolas pola creación do primeiro centro de día para persoas con trastorno do espectro autista da provincia de Lugo

Ofrecerá 15 prazas de atención diúrna

A conselleira Fabiola García destacou as novas axudas dirixidas ás entidades que ten en marcha o Goberno galego para que poidan facer fronte á suba salarial dos seus profesionais, para a compra de vehículos adaptados e para a reforma, ampliación e construción de novos centros de servizos sociais

Lugo, 3 de marzo de 2023

  A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, felicitou hoxe á Asociación Raiolas de Lugo pola seu novo centro de día para persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), o primeiro especializado nos coidados ás persoas con esta afección na provincia. Fíxoo durante unha visita ao novo equipamento, situado nun edificio que estaba en desuso do campus universitario lucense, e no que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta, Javier Arias.

A Administración autonómica colaborou económicamente coa entidade na construción deste novo servizo, que ofrecerá 15 prazas de atención diúrna. Fabiola García garantiu que o Executivo galego seguirá apoiando a Raiolas para que preste a mellor atención posible aos veciños desta provincia.

A conselleira destacou a importancia da colaboración entre a Xunta e as entidades sociais para achegar ás persoas con discapacidade e ás súas familias os servizos e os apoios que necesitan. Ao respecto, destacou as novas axudas dirixidas ás entidades que ten en marcha o Goberno galego para que poidan facer fronte á suba salarial dos seus profesionais, para a compra de vehículos adaptados e para a reforma, ampliación e construción de novos centros de servizos sociais.

Ademais, a Consellería de Política Social e Xuventude está a dar un forte impulso á rede de atención temperá, que acada xa as 40 unidades por toda Galicia e que dá cobertura a 200 concellos; e desde o ano 2009 ata a actualidade incrementou nun 25 % das prazas públicas de atención á discapacidade, ata chegar ás preto de 6.000.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/03/2023