A Xunta homenaxea a 162 profesionais da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza que se xubilaron no ano 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, agradeceulles os anos de traballo e dedicación ao Sergas

O titular da carteira sanitaria destacou todas as melloras postas en marcha nesta área, “que serían en van se non contásemos cun persoal de extraordinaria valía profesional e humana”

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asistiu hoxe ao acto de homenaxe aos xubilados da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, no que estivo acompañado pola xerente, Eloina Núñez. Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego agradeceu aos 162 profesionais que se xubilan o seu traballo “á hora de coidar da saúde dos demais, e exemplificando que a sanidade pública galega ten no seu persoal o seu capital máis importante”.

Comesaña destacou que “a sanidade é un dos bens máis prezados que temos, e en Galicia representa case o 40 % dos fondos de toda a Xunta”. En concreto, “na área sanitaria manéxase unha partida de máis de 700 millóns de euros”. Os 159 profesionais que se xubilan, e por desgraza os que xa non están con nós, “sodes os principais responsables de que todo este investimento collese sentido para a mellora continua da atención sanitaria desta área”.

Fitos dos últimos anos

O conselleiro destacou, de todos estes anos, diversos fitos no campo da sanidade deste área, como ser referencia en seis patoloxías, das que citou como exemplos os trastornos do movemento, a esclerose múltiple ou a epilepsia refractaria. “E cóntase con servizos tan punteiros como a unidade de diagnóstico e tratamento de enfermidades metabólicas conxénitas ou o servizo de Cardioloxía, que foi pioneiro na posta en marcha da e-interconsulta”.

Neste tempo, tamén celebrouse o 25 aniversario do Hospital de Barbanza, “un centro excelente que achega cada vez máis servizos aos veciños desa comarca, como a nova unidade de rehabilitación cardíaca”, e que conseguiu fitos como ser o primeiro servizo de Diálise en España en obter a certificación UNE en xestión de riscos e seguridade do paciente.

“Serán outros os que vexan rematada a ampliación do Clínico ou o novo Centro de Protonterapia e serán novos profesionais os que estreen a nova área de hospitalización de Barbanza, pero poderán facelo porque antes estivestes vós, demostrando que co voso traballo pagaba a pena investir e incrementar os servizos e as prestación sanitarias nestes centros porque o persoal desta área sempre responde ante os novos retos”, -remarcou Comesaña-.

Tamén destacou o conselleiro, o proceso exemplar de vacinación masiva realizado no Gaiás e as melloras no ámbito da atención primaria, como o centro de saúde da Estrada, nomeado o mellor de España, “o que reflicte que esta área tamén é unha referencia no primeiro nivel asistencial”.

En materia tecnolóxica, Comesaña destacou a introdución da tecnoloxía de cirurxía robótica, da man dos Da Vinci, ou a posta en marcha do equipo de ultrasóns focalizado, HI-FU, unha auténtica revolución para tratar o tremor esencial ou o párkinson.

“Todas estas melloras serían en van se non contásemos cun persoal de extraordinaria valía profesional e humana”, -concluíu o conselleiro-.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/03/2023