Lorenzana sinala á mocidade como motor da igualdade para construír unha sociedade máis xusta ante a conmemoración do 8-M

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe en Santiago de Compostela o acto de entrega de premios dos carteis escolares do concurso do 8-M, o Día Internacional da Muller

Puxo en valor o certame que convoca a Xunta cada ano e que se converteu nun espazo de intercambio de ideas e experiencias na loita contra a desigualdade desde idades temperás

Nesta edición, a sexta, resultaron gañadores os traballos de escolares de centros da Coruña, Baiona, Pontevedra, Bueu, Cambados e Lugo
 

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, sinalou hoxe á mocidade galega como motor da igualdade para construír unha sociedade máis xusta no acto de entrega dos premios dos carteis escolares do concurso do 8-M, o Día Internacional da Muller.

A conselleira de Igualdade tras felicitar aos gañadores e a todos os participantes nesta edición, un total de 95 centros escolares, así como ao profesorado, destacou a importancia de concienciar sobre a igualdade de oportunidades desde idades temperás e, neste senso, apuntou que o certame que convoca cada ano a Xunta converteuse nun espazo de intercambio de ideas e experiencias na loita contra a desigualdade.

Nesta sexta edición resultaron gañadores do concurso os traballos de escolares de centros da Coruña, Baiona, Pontevedra, Bueu, Cambados e Lugo. Como novidade, creáronse este ano accésits en cada categoría para ampliar o recoñecemento ao gran labor que realizan os escolares.

Establecéronse tres categorías no certame. Na primeira, dirixida ao alumnado de infantil e aos cursos de primeiro, segundo, terceiro e cuarto de educación primaria, obtivo o primeiro premio o alumnado de 2º de Primaria do Centro de Educación Infantil e Primaria Plurilingüe Anxo da Garda da Coruña co título Igualdade; o segundo galardón recaeu nas alumnas e alumnos do 4º de Primaria do CPI Cova Terreña, de Baiona, co traballo Fomentamos a igualdade no patio do cole; e o accésit foi para o alumando de 4º de Infantil do CEIP A Carballeira, de Lourizán-Pontevedra con Mariscadoras.

Na segunda categoría, para o alumnado de quinto e sexto de educación primaria e de primeiro e segundo da ESO e de educación especial, resultou gañador co primeiro posto o alumnado de 2º da ESO do Centro de Educación Especial Nosa Señora do Rosario, da Coruña, co deseño Seguimos en loita pola igualdade; o segundo premio foi para as alumnas e alumnos do IES Illa de Ons de Bueu co traballo Pero se xa hai igualdade; e o accésit recaeu nos escolares de 1º da ESO do IES Ramón Cabanillas de Cambados co Rumbo á igualdade.

Na terceira categoría, dirixida ás alumnas e os alumnos de terceiro e cuarto da ESO e primeiro e segundo de bacharelato, de FP básica, de ciclos de grao medio e superior, obtivo o primeiro premio o alumnado de 1º de Bacharelato do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo con Elas abriron o teu futuro; o segundo galardón foi para as alumnas e alumnos de 4º da ESO do IES Rafael Dieste da Coruña con Alumeando; e o accésit obtívoo o alumnado de 2º de Bacharelato do IES A Xunqueira II de Pontevedra co título Publicacións pola igualdade.

Lorenzana, para rematar, apuntou que “nas mans da mocidade está o futuro da sociedade que queremos construír”, apelando, por iso, a programas e políticas encamiñadas á prevención e á sensibilización contra a desigualdade de xénero.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/03/2023