A Xunta anima o sector a participar na definición dos apoios a equipamentos e infraestruturas portuarias ao abeiro do novo Fondo europeo marítimo-pesqueiro

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro visitou o peirao de Porto do Son para informar do período de consultas aberto pola Consellería do Mar para configurar estas axudas no marco do Fondo europeo marítimo de pesca e acuicultura
 

As persoas e entidades interesadas en participar teñen ata o 16 deste mes para facer achegas e contribuír a optimizar o seu uso
 

A confraría de Porto do Son desenvolveu no último lustro diferentes proxectos de mellora de equipamentos a través destas convocatorias cunha achega total que rolda o medio millón de euros
 

Porto do Son (A Coruña), 3 de marzo de 2023

A Consellería do Mar mantén aberto o período de consultas entre o sector marítimo-pesqueiro para a definición dos apoios para equipamentos e infraestruturas portuarias ao abeiro do novo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa). Así o recordou hoxe a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, durante unha visita ao peirao de Porto do Son na que comprobou algunhas das melloras realizadas tanto na lonxa como na confraría local ao abeiro desta liña de axudas destinada ao sector.

Neste sentido, a responsable autonómica explicou que é fundamental contar coas suxestións das persoas e entidades interesadas nesta cuestión, especialmente aquelas vencelladas coa actividade marítimo-pesqueira para adaptar o máximo posible estas convocatorias de axudas ás súas necesidades. Por iso, lembrou que todos os interesados en participar teñen ata o vindeiro día 16 deste mes para participar na consulta aberta a través da enquisa dispoñible de xeito online

O obxectivo do programa de actuación que levará a cabo a Xunta neste período Fempa (2021-2027) pasa por facilitar a dotación ou modernización das instalacións e servizos co fin de acadar un sistema portuario e pesqueiro que responda ás necesidades do sector. Entre outras cousas, que sexa eficaz economicamente, que conte con tecnoloxía avanzada, que sexa socialmente integrador e enerxeticamente eficiente e contribúa á neutralidade climática coa redución de emisións e da pegada de carbono.

De aí que o Executivo autonómico invitase a participar directamente na consulta a todos os interesados nesta cuestión, entre eles preto dun centenar de entidades relacionadas co sector marítimo entre as que se atopan as confrarías de pescadores e as súas federacións, as agrupacións e cooperativas ou entidades científicas e tecnolóxicas vencelladas co mar.

A Consellería do Mar destina á convocatoria deste ano -a derradeira co actual Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)- 4,6 millóns de euros a axudas para proxectos colectivos de modernización das infraestruturas dos portos, das lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque. No último lustro, as axudas concedidas pola Xunta permitiron poñer en marcha máis de 200 iniciativas por un importe superior aos 11 millóns de euros.

Actuacións en Porto do Son

No caso da confraría de Porto do Son, no último lustro desenvolveu ao abeiro destas axudas diferentes proxectos de mellora de equipamentos co fin de mellorar as condicións de seguridade e de traballo dos profesionais da lonxa e do porto local cunha achega total que rolda o medio millón de euros.

Neste sentido, executou a optimización do sistema de varada de embarcacións con dous carros -cunha axuda de máis de 300.000 euros-, a mellora da canalización e tendido eléctrico da lonxa -por un importe que superou os 27.000 euros-, e a mellora da iluminación na zona de poxa con sistema LED grazas a unha axuda de preto de 5.000 euros, entre outros.

A convocatoria para os exercicios 2022-2023 permitiralle á confraría local instalar dous xeradores de xeo en escamas e un silo orbital de 12 toneladas cunha axuda de máis de 500.000 euros.

Data de actualización: 03/03/2023