Martina Aneiros recibe ao novo presidente da Federación Galega de Baloncesto ao que felicita polo seu recente nomeamento

Ferrol, 2 de marzo de 2023 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, recibiu esta tarde ao novo presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez Álvarez, ao que felicitou polo seu recente nomeamento.

O encontro produciuse tras pecharse o proceso electoral nas 59 federacións deportivas galegas que supuxo a designación de 15 novas presidencias, entre elas a de baloncesto, e a renovación das outras 42. Os mandatos teñen unha duración de 4 anos e renóvanse nos anos que se celebran os Xogos Olímpicos de Inverno, como os de Beijing de febreiro do ano pasado.

Bernárdez Álvarez é técnico deportivo  no Concello de O Porriño ademais de adestrador superior de baloncesto. Antes foi xogador nesta disciplina, chegando a militar nos clubs Salesianos (Vigo), Obradoiro, Celta, Bosco de Vigo, Porriño e Amfiv Vigo BSR.

Durante o encontro, que tamén contou coa presencia da secretaria da Federación, Susana Fernández, e do delegado en Ferrol, José Cobelo, Martina Aneiros interesouse polo equipo que o acompañará nesta nova etapa e o proxecto que teñen para os próximos catro anos para a Federación Galega de Baloncesto na que lle desexou moitos éxitos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/03/2023