Na comparecencia do secretario xeral para o Deporte para informar do investimento da Xunta en instalacións deportivas en Noia

A Xunta anuncia dúas novas ordes de axudas para obras en instalacións deportivas dirixidas a concellos e entidades

A de concellos terá un orzamento de 6 millóns de euros (3,4 millóns en 2023) e a de entidades, 1,5 millóns de euros (785.000 euros en 2023)

Desde 2010, as comarcas de Noia e o Barbanza recibiron un investimento da Xunta para instalacións deportivas de 1,7 millóns de euros e, desde 2016, o Concello de Noia recibiu 150.000 euros en cinco actuacións que contaron cun orzamento de 232.500 euros

Lete Lasa destaca a importancia das pistas multideporte para os máis pequenos e as reformas levadas a cabo nos pavillóns de Bergondo e Agustín Mourís en Noia

Santiago, 2 de marzo de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, compareceu na Comisión 1ª Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior para informar do investimento da Xunta en instalacións deportivas en Noia nos últimos anos. Nas súas verbas, Lete Lasa destacou o orzamento histórico que presenta a Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que en 2023 conta con máis de 44 millóns de euros, un 36% máis que en 2022 e superando o teito histórico de 2009. Deste orzamento, preto de 20 millóns, o 45%, dedicarase á construción e mellora de instalacións deportivas, destacando dúas novas ordes plurianuais. A primeira delas terá un orzamento de 6 millóns de euros para os concellos galegos (sendo reservados 3,4 millóns para 2023) e outra cun orzamento de preto de 1,5 millóns de euros para as entidades deportivas (sendo executados neste 2023, 785.000 euros).  

 

O mandatario galego subliñou a importancia das actuacións realizadas nas instalacións deportivas nas comarcas de Noia e Barbanza desde 2010 cun investimento da Xunta de 1,7 millóns de euros nos catro concellos da comarca noiesa -Lousame, Noia, Outes e Porto do Son-, así como os outros catro da comarca do Barbanza -Boiro, Pobra do Caramiñal, Rianxo e Ribeira- nun total de 18 actuacións cun orzamento de máis de 1,8 millóns de euros, o que supón que a Xunta de Galicia sufragou o 90% destas accións. Neste sentido, Lete Lasa destacou o investimento autonómico en instalacións deportivas do Concello de Noia desde 2016, acadando un total de 150.000 euros en cinco actuacións que contaron cun orzamento de máis de 232.500 euros.

 

O responsable do deporte galego sinalou a importancia das pistas multideporte como as que a Secretaría Xeral para o Deporte levou a cabo en Noia en 2020 ou en Porto do Son en 2021. De feito, a actuación levada a cabo en Porto do Son supón unha aposta para os deportes urbanos que están a gañar unha gran presenza entre os máis novos grazas a súa inclusión no programa olímpico, sendo o concello sonense un referente coa celebración do Rompetiño, que conta tamén co apoio da Xunta. Lete Lasa citou tamén a importancia do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, grazas ao que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade executa, de xeito cofinanciado, pistas multideporte nos en centros de Educación Infantil e Primaria e nos centros integrados non universitarios (CPI) de titularidade municipal. Ao abeiro deste plan realizáronse pistas multideporte en Lousame, Noia, Outes e Porto do Son.

 

Ao fío desta idea, Lete Lasa destacou a importancia da inserción de hábitos saudables nos máis novos e destacou o programa Xogade que vén de subir nun 21,5% a súa prima anual media ata os 2,16 millóns de euros e que, pouco a pouco, recupera as cifras pre pandemia, pechando a tempada 2021/2022 con 120.000 nenos e nenas mutualizados.

 

Deporte noiés

O secretario xeral para o Deporte gabou o deporte noiés e destacou ao Noia Portus Apostoli FS, que xoga na máxima división nacional de fútbol sala, a vintena de equipos que reciben regularmente as axudas da Secretaría Xeral para o Deporte, así como os deportistas galegos de alto nivel como Caetano Horta (remo), Martín Iglesias (kickboxing) ou Jesús Manuel Veiga e Adrián Salanova (taekwondo).

 

Ademais da pista multideporte, Lete Lasa destacou as principais actuacións levadas a cabo en Noia coa colaboración da Xunta de Galicia entre as que destacan a reforma dos vestiarios do polideportivo de Bergondo, en 2017 cunha achega de 60.000 euros sobre os 90.000 euros do total da obra; as actuacións de conservación do club de remo, en 2020; e dúas intervencións en 2022 destinadas ao pavillón Agustín Mourís, a ampliación da capacidade do pavillón (48.200 euros dos que a Xunta achegou o 80%) e a instalación dun videomarcador (15.000 euros, cunha colaboración tamén do 80%).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/03/2023