A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, supervisou esta mañá as obras acompañada do alcalde, Juan Domingo de Deus

A Xunta inviste 30.000 € no acondicionamento do edificio que alberga o xulgado de paz de Mugardos

A intervención inclúe a impermeabilización tanto do muro perimetral no encontro coa beirarrúa como na cuberta, así como traballos de reparación no interior do local, substitución do pavimentos e pintura das zonas afectadas

Os traballos, que arrancaron o pasado mes de febreiro, teñen un prazo de execución de tres meses

Mugardos (A Coruña), 2 de marzo de 2023 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, visitou esta mañá o edificio onde está emprazado o xulgado de paz da localidade e que está sendo obxecto dunhas obras de acondicionamento.

O local, situado nun edificio público que promoveu o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), adoecía de problemas de humidades aos que se lle vai poñer solución con esta intervención.

Durante a visita, na que tamén estivo presente a xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Cristina Carrión, supervisou a intervención que consiste na impermeabilización do muro perimetral de encontro coa beirarrúa e da cuberta. A actuación tamén contempla a substitución do pavimento interior e a pintura das estancias afectadas polas filtracións.

Os traballos, que arrancaban o pasado mes de febreiro, teñen un prazo de execución de tres meses.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/03/2023