A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presentou hoxe o evento acompañada do alcalde do concello, José Luis Martínez

O Día da Xuventude chega mañá venres a Ordes con numerosas actividades gratuítas de ocio educativo

Desde as catro da tarde e ata as nove da noite, a xente nova que se achegue a alameda poderá desfrutar de obradoiros sobre cociña saudable, graffiti, protección do medio ambiente, igualdade de xénero ou empregabilidade

Haberá tamén xogos e un concerto a cargo do grupo Embruxo Gaiteiros

Ordes (A Coruña), 2 de marzo de 2023 A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel,destacou hoxe a importancia de que a mocidade teña a oportunidade de participar en actividades de ocio e de formación durante todo o ano, sen que estean limitadas unicamente a períodos non lectivos. Díxoo na presentación do Día da Xuventude, que mañá venres levará a Ordes unha ampla oferta de obradoiros e propostas de carácter lúdico.

 

Cristina Pichel, que estivo acompañada do alcalde do municipio coruñés, José Luis Martínez, sinalou que este nova iniciativa se puxo en marcha a principios deste ano e que percorrerá unha trintena de concellos ata o vindeiro mes de abril. O Día da Xuventude nútrese dunha ampla programación para o entretemento e aprendizaxe de mozas e mozos. Así mesmo, con este programa se favorece a conciliación da vida familiar e laboral.

 

O Día da Xuventude en Ordes terá como escenario a alameda. Desde as catro da tarde e ata as nove da noite, a xente nova que se achegue poderá participar en obradoiros dinámicos de cociña saudable, graffiti, igualdade de xénero, protección do medio ambiente e empregabilidade. Tamén haberá espazo para xogos como o fútbol burbulla, o futbolín humano, slackline ou tiro con arco. O colofón ao evento porao a actuación musical do grupo Embruxo Gaiteiros. Todas as actividades son de balde.

 
Tras Ordes, as citas desta fin de semana co Día da Xuventude serán en Vilagarcía de Arousa pasado mañá sábado e en Ponteareas o domingo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/03/2023