O centro A Aixola forma a máis de 60 persoas en distintas actividades do sector pesqueiro a través de sete das catorce accións programadas para 2023

A directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Paloma Rueda, visitou ao alumnado das formacións que están actualmente en marcha na escola con sede no porto de Marín
 

A programación deste ano do centro dependente da Consellería do Mar inclúe novos cursos relacionados co eido marítimo-pesqueiro e accións destinadas a persoas en situación de desemprego
 

Marín (Pontevedra), 2 de marzo de 2023

A directora xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Paloma Rueda, visitou hoxe o Centro de Formación A Aixola -que xestiona a Consellería do Mar a través do Cetmar- e ás máis de 60 alumnas e alumnos que nestes momentos están a formarse en distintas actividades relacionadas co sector marítimo pesqueiro para ampliar as súas posibilidades no mercado laboral.

A representante do organismo dependente da Xunta explicou que na actualidade están en marcha sete accións formativas das catorce previstas para este ano, das que cinco con cursos relacionados co sector pesqueiro, unha está destinada a persoas desempregadas e outra céntrase na mellora no uso de ferramentas dixitais.

Entre a formación que está a impartir nestes momentos o centro con sede no porto de Marín -financiada a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca- está un curso de velaría e acastillaxe, outro de confección e mantemento de artes e aparellos de pesca que permite obter o certificado de profesionalidade e outro de restauración de embarcacións en madeira.  

A maiores das accións formativas en marcha, este mes dará comezo outra sobre instalacións eléctricas para pequenas embarcacións de motor, con 300 horas de duración. Mentres, no mes de abril iniciarase unha de inglés técnico marítimo de nivel dous, de 90 horas, e en xuño impartirase formación no manexo de ferramentas de control numérico (CNC), de 60 horas lectivas. Finalmente, en setembro terá lugar unha segunda edición do curso de prevención de riscos no sector pesqueiro.

Esta formación compleméntase con cursos de busca de emprego e autoemprego para favorecer a inserción laboral de todo o alumnado. O prazo de inscrición para todas estas accións que aínda non comezaron continúa aberto e pode facerse través da web da Aixola.

Precisamente, ademais das formacións dirixidas ao sector pesqueiro, o centro con sede en Marín está a impartir actualmente un curso dirixido a persoas desempregadas que conta co financiamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Os próximos cursos dirixidos a este colectivo centraranse en acadar as competencias chave de nivel 2 e o certificado de profesionalidade en confección e mantemento de artes e aparellos. De feito, aínda é posible inscribirse nos cursos de competencias chave de galego e matemáticas, así como no de redes.

Competencias dixitais

A Aixola tamén ten en marcha un curso piloto do proxecto de Ferramentas dixitais para os programas formativos e educativos en manufactura (Ditmep). O obxectivo principal desta iniciativa, desenvolvida ao abeiro dun consorcio de cinco socios de España -dos que forma parte o Cetmar-, Portugal e Alemaña, pasa por contribuír ao desenvolvemento de competencias dixitais con cofinanciación do programa Erasmus+ da Unión Europea.

Complementando todas estas actividades, o 22 de marzo celebrarase un obradoiro de presentación de novos materiais didácticos para a formación en prevención de riscos laborais. Os participantes poderán probar as ferramentas de realidade aumentada creadas en forma de aplicación para smartphones e recibirán información das unidades didácticas asociadas, con compoñentes de gamificación. Ademais, poderán visitar as instalacións da Aixola. Este taller, encadrado no proxecto Ditmep e que aínda ten aberto o prazo de inscrición, está dirixido a formadores, profesionais de prevención e persoas interesadas na innovación na formación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/03/2023