Patrimonio Cultural autoriza a iluminación exterior da Cidade da Xustiza de Vigo

A Dirección Xeral comunica ao Instituto Enerxético de Galicia o informe favorable para a luz ornamental da torre, da fachada posterior e da praza peonil

A resolución marca condicións ao proxecto para “evitar un efecto faro na imaxe da torre” e manter as escenas “o máis uniformes posibles”, entre outras cuestións

Vigo, 2 de marzo de 2023

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, vén de informar favorablemente ao Instituto Enerxético de Galicia (Inega) sobre o proxecto para a iluminación exterior da Cidade da Xustiza.

 

Así, o departamento autonómico responde ao documento achegado polo Inega e tamén informa este xoves da decisión ao Concello de Vigo. Segundo recolle a resolución de Patrimonio Cultural, o proxecto ten como obxectivo a iluminación ornamental da torre da Cidade da Xustiza, da fachada posterior do conxunto de edificacións e da praza peonil.

 

O informe autoriza as obras e indica varias condicións. Desta maneira apunta que deberá “coidarse especialmente a iluminación do antigo depósito co obxectivo de evitar un efecto faro na imaxe da torre da cidade”. Tamén explica que será necesario “manter, como nas escenas remitidas, niveis de iluminación o máis uniformes posibles, sen contrastes fortes de luminancias nin variacións bruscas, e sen empregar iluminación de cor”.

 

Por último, a resolución sinala que as proxeccións de imaxes de calquera tipo “non se deben realizar sobre os paramentos da torre catalogada e limitaranse ás novas edificacións cun deseño e dimensións compatibles e coherentes coa composición das fachadas sobre as que se realice”.

Data de actualización: 02/03/2023