A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais domésticas ao río Valga ao paso por este concello pontevedrés

O persoal do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, localizou o foco procedente dunha vivenda que vertía directamente ao río Valga

A Xunta requiriulle ao titular a eliminación do vertido, constatando nunha recente visita o cese da achega irregular

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un punto de vertido de augas residuais domésticas ao río Valga ao seu paso por este concello pontevedrés.

 

O punto de vertido foi detectado polo persoal do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, durante as tarefas rutineiras de inspección que se levan a cabo nos municipios do ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, dependente da Xunta.

 

O persoal inspector localizou o foco irregular na parroquia de Santa Cristina de Campaña, procedente dunha vivenda unifamiliar que vertía directamente ao río Valga.

 

A Xunta informou ao titular da necesidade de proceder á adopción das medidas precisas para a emenda do vertido, realizando este a conexión correspondente das augas residuais cara á fosa séptica existente na vivenda.

 

Nunha recente inspección á zona, o persoal de Augas de Galicia verificou a finalización do foco de augas residuais ao río Valga, en cumprimento do requirimento efectuado ao titular da vivenda.

Data de actualización: 02/03/2023