A Xunta apoia o fomento do emprendemento en economía social no concello de Barro con axudas a empresas de alugueiro de caravanas e de restauración

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá á firma Gorbeia Cíes e a cooperativa xuvenil Sanrc, que recibiron senllas achegas, por un importe global de 46.500 euros, ao abeiro do programa Aprol Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego

O Goberno galego concedeu na derradeira convocatoria un total de 22 axudas na provincia de Pontevedra por un importe de 493.500 € e vén de abrir a orde do presente exercicio ata o 15 de setembro cun orzamento de 4,3 M€

“Activamos unha liña máis no ámbito do emprego e o emprendemento porque queremos que todas as posibilidades de montar un negocio ou crear un posto de traballo teñan o respaldo da Xunta e, especialmente, no cooperativismo e a economía social”, explicou Luis López

Barro, 1 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, está a apoiar o fomento do emprendemento e a creación de emprego no ámbito do cooperativismo e a economía social no Concello de Barro coa recente concesión de axudas a senllas empresas de nova creación adicadas ao alugueiro de caravanas e a restauración, respectivamente.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá á firma Gorbeia Cíes, emprazada no polígono industrial de Sequeiros, e a cooperativa xuvenil Sanrc, situada na contorna do parque natural da Barosa, para coñecer os seus proxectos e informar da apertura dunha nova convocatoria deste programa Aprol Economía Social correspondente co presente ano 2023.

En primeiro lugar, o representante autonómico achegouse, acompañado pola xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño, ata a empresa Gorbeia Cíes, onde foi recibido por Pablo Gallego. Esta firma, que recibiu unha achega da Xunta de 19.500 euros e creou dous novos postos de traballo, adícase ao alugueiro de autocaravanas a través dun proceso exclusivamente on-line e xa dispón de tres vehículos de última xeración.

A continuación, desprazouse ata o lugar da Maquieira, na contorna do parque de Barosa, para visitar, da man de Alejandro Laíño, o establecemento de restauración da cooperativa xuvenil Sanrc, que contou cunha achega de 27.000 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e que conta con tres socios e tres traballadores.

“Activamos unha liña de axudas máis no ámbito do emprego e do emprendemento porque queremos que todas as posibilidades, as propostas e as intencións dos galegos para montar un negocio ou crear un posto de traballo teñan o respaldo da Xunta e, especialmente, nun eido tan especial como o do cooperativismo e a economía social”, explicou o delegado territorial, que engadiu que, no ámbito norte da provincia, tamén se apoiaron outras tres iniciativas similares en Marín, Vilagarcía de Arousa e Vilaboa cunha achega global de 84.500 euros.

Luis López revelou que, coa convocatoria de 2022, respaldáronse 22 proxectos na provincia de Pontevedra cun investimento autonómico de 493.500 euros e convidou a todos os emprendedores do ámbito da economía social a que concorran novamente a estas axudas do Aprol Economía Social coa orde do presente ano, que vén de abrir o seu prazo de solicitude ata o 15 de setembro.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vai destinar 4,3 millóns de euros ás dúas liñas de axudas desta orde, orientadas á incorporación de desempregados ou persoas traballadoras a cooperativas e sociedades laborais para o desempeño dun emprego ou ben para favorecer o seu acceso á condición de socios.

O programa Aprol Economía Social 2023, que comprende as accións desenvolvidas entre o 1 de outubro de 2022 e o vindeiro 30 de setembro, concederá axudas de 6.000 euros pola incorporación de cada traballador a xornada completa e un incremento do 25 % desta contía no caso de que se trate de mulleres, persoas con diversidade funcional, en risco de exclusión, persoas trans, persoas maiores de 45 anos ou persoas retornadas, que a promotora sexa unha cooperativa xuvenil ou que se acceda á condición de socio nun centro de traballo emprazado nun concello rural. En calquera caso, a contía máxima da axuda terá como límite os 67.500 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/03/2023