A Xunta ofertará 13 prazas médicas por concurso de méritos para os centros sanitarios da Costa da Morte

O conselleiro de Sanidade detallou que oito serán para o Hospital Virxe da Xunqueira de Cee e outras cinco para os centros de primaria da zona

Julio García Comesaña visitou hoxe o centro de saúde de Cabana de Bergantiños, que conta con dous novos facultativos fixos grazas ao concurso de méritos celebrado o ano pasado

Cabana de Bergantiños (A Coruña), 1 de marzo 2023 A Xunta de Galicia ofertará 13 prazas médicas por concurso de méritos para os centros sanitarios da Costa da Morte. Así o destacou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa visita ao centro de saúde de Cesullas, en Cabana de Bergantiños, acto no que estivo acompañado polo alcalde do concello, José Muiño; polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; e polo xerente da área sanitaria, Luis Verde.

Desas 13 prazas, o conselleiro sinalou que oito serán para o Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, dúas de urxencias, dúas de anestesia, dúas de xinecoloxía e dúas de oftalmoloxía. As restantes prazas serán dúas de medicina de familia, unha en Laxe e outra en Vimianzo; e tres de pediatría de atención primaria, das que unha é para Carballo, outra para Fisterra e, finalmente, a que comparten Muxía e Dumbría.

Tal e como remarcou o máximo responsable da sanidade pública galega, a condición do concurso de méritos é que a cambio de obter a praza fixa sen necesidade de exame de oposición, o compromiso é cubrir unha destas prazas de difícil cobertura durante un mínimo de dous anos.

Polo tanto, -incidiu o conselleiro-, “estamos a blindar a estabilidade da asistencia médica do hospital comarcal e dos centros de saúde da Costa da Morte nos vindeiros dous anos e neles teremos ese núcleo do cadro de persoal fixo que non se moverá nin nas ofertas públicas de emprego nin nos concursos de traslados”.

Comesaña destacou, así mesmo, que Galicia foi a primeira comunidade en implantar este sistema de acceso mediante concurso de méritos. “Fixémolo o ano pasado só para facultativos especialistas de atención primaria”, -proseguiu o conselleiro-, “e logramos cubrir 10 prazas fixas en centros de saúde desta área sanitaria, e concretamente seis na Costa da Morte, das que dúas están no centro de saúde de Cesullas, posibilitando garantir a continuidade asistencial para os pacientes de Cabana de Bergantiños, que teñen novos médicos estables ocupando dúas prazas que estaban vacantes”. O resto das prazas foron dúas para Carballo, unha para Malpica e outra para Laxe.

Falta de médicos e medidas levadas a cabo

O conselleiro sinalou que toda España está a vivir agora un problema importante de escaseza de especialistas en medicina de familia, “pero en Galicia estamos a tomar medidas e decidimos que as prazas de difícil cobertura se convocarían sen oposición, mediante un concurso de méritos, para que calquera médico sen praxa fixa teña o camiño máis sinxelo para obtela”.

Incluimos, ademais, -proseguiu o conselleiro-, aos médicos de familia recén titulados. Así, os MIR desta especialidade que rematen en maio poderán inscribirse con carácter previo e acreditar despois o título. En consecuencia, “Galicia é agora mesmo a única comunidade de España onde un médico pode rematar a súa residencia e obter unha praza fixa no sistema público de saúde no mesmo ano”.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego remarcou que, en setembro do ano pasado, a Xunta levou ao Parlamento unha Lei de medidas extraordinarias para provisión de prazas de difícil cobertura, que foi respaldada pola maioría da cámara, e co voto en contra dos partidos da oposición. Agora o Executivo galego dá cumprimento a esa Lei e anunciou unha convocatoria de máis de 400 prazas.

Para rematar a súa intervención, Comesaña dixo que “a Xunta seguirá a avanzar nas medidas autonómicas e reclamando ao Goberno de España que cumpra as reformas que ten pendentes para abordar o problema nacional de déficit de médicos”.

A Xunta fixo a súa parte este ano, -incidiu o conselleiro-, “coa súa maior convocatoria de prazas formativas para médicos de familia, 207 prazas, o 100 % das acreditadas en Galicia e 65 máis que na anterior convocatoria”. De feito, “máis da metade das 120 novas prazas formativas de medicina de familia creadas no conxunto de España proceden de Galicia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/03/2023