Patrimonio Cultural autoriza a urbanización do Polígono 1 do Plan parcial de San Paio de Navia

A Dirección Xeral comunica ao Concello de Vigo o informe favorable para avanzar no desenvolvemento urbanístico do barrio

Determina que o proxecto de urbanización “non implica maiores afeccións patrimoniais” que o traslado dunha eira a unha zona verde central

Vigo, 1 de marzo de 2023 

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, vén de informar favorablemente ao Concello de Vigo sobre o expediente de urbanización do Polígono 1 do Plan Parcial de San Paio de Navia que desenvolve a Xunta de Galicia.

O departamento autonómico responde así afirmativamente ao proxecto que permitirá ampliar o Polígono de Actuación Urbanística (PAU) de Navia. O Polígono 1 é un dos tres que delimita a Modificación Puntual do Plan Parcial de Navia para o desenvolvemento das etapas pendentes III-B, IV, V e VI.

Patrimonio Cultural autoriza  a urbanización do ámbito o considerar que “non implica maiores afeccións patrimoniais” que o traslado dunha eira a unha zona verde central do Polígono, o que “considera axeitado aos efectos de protección do ben catalogado”. Tamén indica que se procederá á “reintegración do esquinal que está desaparecido con pedra nova”.

Ademais, respecto do hórreo catalogado, foi necesario utilizar un dron para determinar o seu estado dada a inaccesibilidade. “Isto serviu para constatar que o elemento non se atopa xa en pé”, sinala Patrimonio Cultural antes de engadir que “no caso de que se localice o hórreo deberase proceder a súa incorporación á urbanización do polígono a través dun proxecto específico”.

Por último, respecto do deseño das zonas verdes, materiais, seccións e pavimentos elexidos, sinala que “a proposta resulta axeitada para un ámbito de desenvolvemento de carácter urbano, como no que nos atopamos”.

Data de actualización: 01/03/2023