A Xunta confirma a constitución do consello regulador da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria presidiu hoxe a constitución do novo pleno deste consello regulador, así como a elección da presidencia e da vicepresidencia

Nos próximos días constituiranse o resto dos consellos reguladores das restantes indicacións xeográficas protexidas, denominacións de orixe e denominacións de orixe protexidas

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2023 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu hoxe a constitución do novo pleno do consello regulador da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia, no marco das renovacións dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario, segundo o establecido na orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado no 10 de novembro.

Así, este novo pleno quedou conformado por 6 vogalías correspondentes á Agrupación Apícola de Galicia e por 3 de Erica Mel Sociedade Cooperativa Galega. Na sesión constitutiva tamén se aprobou o nomeamento de Mª Esther Ordóñez Dios como presidenta do consello regulador e o de Fernando Fernández García como vicepresidente.

Cabe lembrar que nas pasadas eleccións só votaron determinados censos dos consellos reguladores das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas de Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Tamén, no da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia e no das IXP das Carnes de Vacún de Galicia. O resto de censos tiñan candidatura única ou chegaron a un acordo.

Nos próximos días constituiranse os novos consellos reguladores das denominacións de orixe protexida (DOP) Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa e San Simón da Costa; tamén das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Carnes de Vacún de Galicia, Castaña de Galicia, Pataca de Galicia e Pan de Cea; así como as denominacións de orixe de Ribeira Sacra, Valdeorras, Monterrei, Ribeiro e Rías Baixas. Por último, tamén se constituirá o consello regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2023