A Xunta informa de que queda constituído o consello regulador de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria presidiu hoxe a constitución do novo pleno deste consello regulador, así como o debate para a elección da presidencia e vicepresidencia

Nos próximos días constituiranse o resto dos consellos reguladores das restantes indicacións xeográficas protexidas, denominacións de orixe e denominacións de orixe protexidas

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2023 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu hoxe a constitución do pleno do novo consello regulador da indicación xeográfica (IX) Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, no marco das renovación dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario, segundo o establecido na orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado no 10 de novembro. Os 10 vogais deste consello regulador pertencen á Candidatura profesional Augardentes e Licores de Galicia, que foi a única presentada.

Tras a toma de posesión, os vogais aprobaron por unanimidade que a presidencia do consello regulador a asuma José Antonio Feijóo Mateo e para a vicepresidencia a Viña Blanca del Salnés, SA, representada por Sonia Otero Padín.

Cabe lembrar que nas pasadas eleccións só votaron determinados censos dos consellos reguladores das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas de Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Tamén, no da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia e no das IXP das Carnes de Vacún de Galicia. O resto de censos tiñan candidatura única ou chegaron a un acordo.

Nos próximos días constituiranse os novos plenos dos consellos reguladores das denominacións de orixe protexida (DOP) Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa e San Simón da Costa; tamén das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Carnes de Vacún de Galicia, Castaña de Galicia, Pataca de Galicia e Pan de Cea; así como as denominacións de orixe de Ribeira Sacra, Valdeorras, Monterrei, Ribeiro e Rías Baixas. Por último, tamén se constituirá o consello regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2023