Lorenzana reforza o compromiso da Xunta coa igualdade e lembra que Galicia está á vangarda dos apoios á conciliación e ao benestar laboral

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participaron na xornada organizada polo Goberno galego con motivo do Día europeo para a igualdade salarial

Lembrou que os orzamentos da Consellería dedican este ano case 17 millóns de euros ao fomento de medidas de conciliación e corresponsabilidade

A nova lei autonómica de igualdade incorporará os conceptos de discriminación múltiple e de benestar laboral como novidade entre o seu articulado

A Coruña, 28 de febreiro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, abriu hoxe por videoconferencia a xornada Nin é o mesmo. Nin igual dá, organizada pola Xunta no marco da recente conmemoración do Día europeo para a igualdade salarial. No acto, no que participou tamén o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, a representante autonómica referendou os compromisos da Xunta de Galicia coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no ámbito do traballo, en concreto a favor da conciliación e a corresponsabilidade para cuxo impulso o seu departamento está a destinar este ano cerca de 17 millóns de euros.

A Xunta está a favorecer a conciliación e a corresponsabilidade “cunha perspectiva de xénero transversal”, defendeu a conselleira, quen puxo en valor iniciativas que sitúan a Galicia á vangarda das medidas a prol da equidade de oportunidades entre mulleres e homes, entre as que nomeou a nova lei autonómica de igualdade -que introducirá a discriminación múltiple e a idea de benestar laboral- ou o campus de formación específico na materia, o primeiro desenvolvido por unha Administración autonómica.

“A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a destinar 16,8M€ para facilitar a conciliación e a corresponsabilidade, e para fomentar a formación e a sensibilización respecto do benestar e a igualdade laboral”, indicou.

Lorenzana aproveitou a súa intervención no acto para defender a igualdade como “un valor esencial na nosa sociedade, un dereito fundamental e unha condición indispensable para unha economía innovadora, competitiva, sostible e próspera”. Lembrou que aínda persisten factores causantes da fenda salarial relacionados coa xornada de traballo, o acceso a postos de responsabilidade e a carga doméstica de tarefas e coidados que asumen en maior medida as mulleres, o que anima ao Goberno galego a seguir a traballar a favor dunha igualdade efectiva de oportunidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2023