A Xunta pon en valor o sector lácteo galego na xornada Africor Lugo-Vaca pinta

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, interveu no acto de inauguración desta xornada

Destacou o compromiso da Xunta pola mellora constante deste sector e pola calidade das producións alimentarias, reflectido na Estratexia de dinamización do sector lácteo

Ademais, sinalou que se segue a avanzar na profesionalización e na mellora da rendibilidade, así como na defensa da excelencia dos produtos galegos

Lugo, 28 de febreiro de 2023

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, interveu hoxe na inauguración da xornada de Africor Lugo-Vaca Pinta, organizada pola Asociación provincial de gandeiros de Lugo para o control de rendementos. Nesta xornada técnica tratáronse temas relacionados cos aspectos claves do sector vacún leiteiro, un dos eixos fundamentais da economía galega.

Durante a súa intervención, Balseiros fixo fincapé no compromiso da Xunta pola mellora constante deste sector e pola calidade das súas producións alimentarias. Este compromiso reflíctese -dixo- na Estratexia de dinamización do sector lácteo, unha folla de ruta que facilita a consolidación definitiva deste eido produtivo, tanto a nivel nacional como internacional.

Deste xeito, o director xeral sinalou que se segue a avanzar na profesionalización e mellora da rendibilidade, así como na defensa da excelencia dos produtos galegos, incluso por enriba da cantidade. Seguindo esta liña, Galicia sitúase á cabeza de España non só en produción, senón que tamén rexistra calidades de leite, no referido a graxa e proteína, por enriba da media española.

Ademais, no relativo a este sector, estanse a tomar decisións a curto, medio e longo prazo, co fin de contribuír decisivamente ao cumprimento da Lei estatal da cadea alimentaria, en concreto, da prohibición da venda a perdas, a través de ferramentas como a aplicación Contaláctea, o Observatorio da Cadea Alimentaria, a Axencia de Informe e Control Alimentario de Galicia e o Observatorio lácteo.

Neste sentido, José Balseiros lembrou que o prezo do leite en Galicia leva rexistrando incrementos durante 18 meses consecutivos, o que permite compensar o aumento dos custos de produción e mellorar as marxes das gandarías galegas. Así, as explotacións galegas facturaron no ano 2022 máis de 1.300 millóns de euros, o que supón un incremento do 35,2 % con respecto ao ano 2021.

Con todo, cabe sinalar que estas non son as únicas medidas que se puxeron en marcha en prol do sector primario, xa que se está a impulsar a Lei de recuperación da terra agraria, co obxectivo de acadar a autosuficiencia nas producións alimentarias máis importantes.

Xa para finalizar, o director xeral recordou que xa se está a traballar na futura Lei da calidade alimentaria, á que definiu como “un pulo sen precedentes” para a protección, defensa, e promoción dos nosos produtos de calidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2023