A Xunta traballa para autorizar a instalación de cordas colectoras en bateas de reparqueo ou de cultivo de ostra para reforzar a captación de mexilla

O Executivo galego avalía esta e outras medidas para facilitar o labor dos bateeiros nun momento no que o modelo de produción -coa venda de mexillón máis pequeno- require de máis cría xusto cando o número de individuos en idade reprodutora é menor

Estas propostas, entre as que se inclúen cuestións operativas, dan continuidade ao paquete de actuacións posto en marcha hai unhas semanas e que abriu á extracción de semente máis de 130 quilómetros en distintas zonas do litoral de Galicia

A Administración galega traballa ademais nun plan de longo percorrido que inclúe arredor dunha decena de investigacións por importe de máis de dous millóns de euros para facilitar o acceso ao recurso, a súa captación e a produción en criadeiro

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2023

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, compareceu hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento a petición propia para dar conta das medidas adoptadas pola Consellería do Mar para favorecer o acceso do sector bateeiro á mexilla -semente do mexillón- e facilitar o seu labor. Neste sentido, salientou que recentemente se puxeron á súa disposición máis de 130 quilómetros adicionais de costa para a extracción de cría e que tanto o sector como a Xunta están a avaliar o uso de bateas de reparqueo ou de cultivo de ostra para a colocación de cordas colectoras coas que captar máis recurso.

O representante do Executivo galego lembrou que o diálogo cos representantes do sector é constante e que se está a traballar en múltiples eidos para atender as súas necesidades. Neste sentido, incidiu en que a propia operativa do sector -que nos últimos anos elevou nun 50 % a produción de mexillón pequeno- fai que cada vez se requira máis cría para poder producir xusto cando o número de individuos en idade reprodutora é menor. 

Nesta liña, o director xeral tamén destacou actuacións para facilitar o labor diario dos bateeiros na extracción de semente como a posibilidade de empregar as embarcacións auxiliares de acuicultura de forma regular movéndoas entre rías, unha cuestión que facilitaría o desprazamento e que se está a tramitar con boa predisposición por parte da Dirección Xeral da Mariña Mercante do Estado.

A maiores, a Xunta tamén realizou unha consulta -a petición de dúas entidades do sector- sobre a posibilidade de que autónomos do mar recollan mexilla -sempre e unicamente- mediante un contrato cos titulares das bateas, un asunto que no que se solicitou opinión ao Instituto Social da Mariña (ISM), dependente do Goberno central. 

Estas son algunhas das medidas, explicou Antonio Basanta, que está a avaliar a Xunta co sector e que se engaden ao paquete de actuacións posto en marcha hai unhas semanas para paliar a escaseza de cría e facilitar o labor dos bateeiros para a súa obtención.

O director xeral de Pesca salientou que entre esas accións executadas está a posta a disposición do sector de 120 quilómetros de superficie para a extracción en espazos portuarios (tanto autonómicos como dependentes das autoridades portuarias) nos que hai constancia da presenza da especie e que pode ser explotada sempre que esa recollida -previa solicitude- non interfira na actividade dos peiraos nin supoña un risco en materia de seguridade.

A esa extracción de mexilla nos peiraos, engadiu, súmase a apertura de novas zonas de extracción no litoral de Aguiño (Ribeira), Baiona, Bueu, Cangas e O Grove. Trátase de áreas, incidiu, que o propio sector mexilloeiro sinalou historicamente como importantes bancos de produción de semente e que suman arredor de 12 quilómetros de costa. Deste xeito, eses 130 quilómetros adicionais para a recollida de recurso son por si mesmos máis superficie que o conxunto das zonas reservadas á explotación exclusiva de percebe.

O representante da Consellería do Mar subliñou que a Xunta é consciente de que o problema da escaseza de mexilla debe abordarse tamén a medio e longo prazo e que por iso traballa nun plan de longo percorrido que inclúe accións en distintos eidos como investigacións para mellorar a captación ou a produción de semente. O obxectivo é coñecer mellor a abundancia de cría existente nas costas galegas, avanzar na súa captación e impulsar a súa produción en hatcheries.

Investimento

Nestes momentos, explicou Antonio Basanta, Galicia ten en marcha arredor dunha decena de proxectos de investigación por un importe que rolda os 2 millóns de euros, unha mostra do compromiso do Executivo galego coa busca de alternativas para abastecer de mexilla aos produtores de mexillón e reducir a súa dependencia do recurso procedente dos bancos naturais.

A maiores estase a traballar en cuestións para mellorar a operativa do sector, como unha aplicación dixital para a tramitación das autorizacións, a alta e baixa das persoas autorizadas ou a emisión automática dos documentos de transporte e inmersión. Esta nova ferramenta contribuirá a ter mellores datos sobre a extracción e produción de semente, un eido no que tanto a Administración como o sector coinciden en que é necesario avanzar para facer unha mellor xestión do recurso.  

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica reiterou que o Executivo galego vai seguir traballando na vía do diálogo cos dous sectores implicados -bateeiros e confrarías- para garantir unha explotación sustentable dos distintos recursos e facilitar na medida do posible o seu labor. Ao mesmo tempo lembrou que todas as medidas adoptadas ata o momento son froito dese contacto coas partes interesadas e o resultado dunha análise exhaustiva da situación dos distintos recursos -tanto da cría do mexillón como do percebe- e da avaliación do impacto socioeconómico que poden ter para ambos sectores.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 28/02/2023