A Xunta achega ás pemes coruñesas os apoios para impulsar a súa competitividade a través da innovación

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participaron nun encontro con empresas para promover a innovación entre as pequenas e medianas empresas, achegando os diferentes apoios ao seu dispor

No encontro informouse de que segue aberta ata o 10 de abril a convocatoria de Bonos de Innovación, que persegue apoiar especialmente as compañías que incorporan por primeira vez o compoñente innovador na súa estratexia de negocio

A Coruña, 28 de febreiro de 2023

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, presentaron esta mañá, no marco dun encontro organizado en colaboración coa Confederación de Empresarios da Coruña, o mapa de axudas da Administración autonómica á I+D+i, que inclúe 38 instrumentos de apoio e que prevé mobilizar preto de 400 millóns de euros ao longo de 2023, tanto a través destes instrumentos como dos investimentos en infraestruturas do ecosistema galego de innovación.

A directora da Axencia Galega de Innovación destacou que se trata da primeira vez que se presentan conxuntamente todos os apoios públicos á investigación e á innovación da Xunta de Galicia co obxectivo de facilitar o seu acceso aos axentes do sistema galego de innovación, especialmente ás pemes. Este mapa, resultado do traballo da Comisión Interdepartamental de I+D+i da Xunta e estruturado en base ás prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, cobre todas as etapas e axentes da I+D+i: desde o emprendemento e a innovación empresarial, ata a contratación de persoal para realizar tarefas de I+D+i, pasando pola proxección exterior e a internacionalización, a colaboración entre axentes e o fortalecemento dos centros tecnolóxicos e de coñecemento.

Pola súa banda, Gonzalo Trenor destacou a importancia destes encontros sectoriais porque “co apoio dos expertos na materia e achegando a experiencia de empresas galegas innovadoras poñemos en evidencia que innovando as nosas pemes poden gañar en competitividade e produtividade”. O representante do Goberno galego apuntou que “confiamos en que todas estas axudas sirvan para seguir impulsando novas iniciativas para afrontar o futuro” e mostrou a súa confianza en que ”o traballo se peche cun saldo positivo e que a información facilitada hoxe sexa útil para emprender novos proxectos duradeiros e frutíferos nas vosas empresas”.

Na xornada tamén se informou de que permanece aberta ata o vindeiro 10 de abril a convocatoria Bonos de Innovación, que conta nesta edición cun orzamento de 750.000 euros, cos que se prevé mobilizar más dun millón, co obxectivo de impulsar os primeiros pasos para innovar nas microempresas e pemes, a través da contratación de servizos externos de axentes innovadores para conseguir un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo.

No evento, no que participaron tamén representantes do Igape e da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, explicáronse as axudas das distintas consellerías da Xunta de Galicia dirixidas a autónomos e pequenas e medianas empresas e expuxéronse casos de éxito de empresas que foron capaces de mellorar a súa competitividade a través destes incentivos da Xunta de Galicia. Así, participaron as pemes Gestión del Valor y Soluciones, especializada no deseño, desenvolvemento e mantemento de plantas de tratamento de augas para a depuración ou potabilización tanto en industrias como en contornas urbanos; Panadería Da Cunha, empresa fabricante de pan e de produtos frescos de panadaría e pastelaría; e Fariñas Das Mariñas, que centra a súa actividade na produción de elaboracións de pan así como produtos precociñados e xeados.

Próximas xornadas

Esta xornada, que se enmarca no ciclo de Networkings Galicia Empresa organizados pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, pecha o ciclo de encontros provinciais centrados na innovación que tiveron lugar en Ourense, Vigo e Lugo. Así mesmo, este xoves arrinca a celebración de xornadas sectoriais centradas na innovación social; o sector primario; a loxística e a enxeñaría; e na minaría, enerxía e construción.

Nestes encontros sectoriais abordaranse as tendencias de innovación, acompañados de expertos na materia e achegando a experiencia de empresas galegas innovadoras. Os eventos sectoriais celebraranse na sede da Axencia Galega de Innovación e online nas seguintes datas: 2 de marzo, centrado en A innovación social como panca do benestar da sociedade galega; 8 de marzo, A innovación no sector primario, transformando os recursos en competitividade; e o 22 de marzo, O futuro da minaría, a enerxía e a construción sostible a través da innovación. Tamén se celebrará outro encontro sobre O valor da función loxística e as enxeñarías na innovación empresarial, cuxa data se anunciará proximamente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2023